Un día como hoxe hai dez anos a familia Iglesias recibía a peor das noticias, a desaparición de Sonia. Desde entón, os seus achegados non paran no seu empeño de atopar o seu corpo e dar cos culpables da súa desaparición.
Este ano pola situación sanitaria, os seus parentes máis próximos decidiron non convocar a habitual marcha en recordo da pontevedresa. No seu lugar, editaron un vídeo con fotografías e unha das súas cancións favoritas que xa percorre as redes sociais como homenaxe e sinal de que Pontevedra non esquece á súa veciña e segue reclamando xustiza.
A pesar de que a investigación policial para dar co corpo de Sonia continúa aberta, o caso permanece sen avances. En xaneiro deste ano, un enorme despregamento policial nun pozo de Pedra do Lagarto, en Marcón, reavivou as esperanzas de dar con Sonia.
Efectivos da Unidade de Subsolo da Policía Nacional trasladados desde Madrid inspeccionaron durante horas o lugar. Baleiraron o pozo situado nunha leira particular para revisar o interior e buscar probas que puidesen esclarecer a desaparición da nova. Con todo, a procura resultou infrutuosa.
Aínda que os resultados non son os agardados, fontes da Comisaría da Policía Nacional de Pontevedra e da Fiscalía aseguran que a investigación se mantén activa e a familia de Sonia Iglesias, informada puntualmente de calquera novidade que poida xurdir.
A única persoa que chegou a ser investigada como posible responsable do ocorrido foi Julio Araújo, exparella de Sonia. Pero na actualidade está exculpado porque a causa xudicial está arquivada.
A desaparición de Sonia Iglesias tivo lugar na mañá do 18 de agosto do 2010 cando se dirixía ao seu posto de traballo na tenda de Massimo Dutti da rúa Benito Corbal.
Desde entón, a cidade envorcouse coa familia, unha fotografía co seu rostro empapelou todos os escaparates e paredes do centro urbano e cada ano os seus veciños acudían en masa ás concentracións. Porque Pontevedra non esquece a Sonia Iglesias.