Hai dez anos, a reordenación dos centros educativos de infantil e primaria de Pontevedra deu lugar ao nacemento da escola infantil Fina Casalderrey e do CEP Marcos da Portela como un continuo educativo. Atrás quedaba a desaparecida escola dos Campos, o colexio Paio Gómez Charino e a liña infantil do entón CEIP Marcos da Portela.
Agora este fito educativo será conmemorado. Monte Porreiro celebrará o décimo aniversario da escola pública no barrio, un evento no que participará dun xeito activo o Concello.
Será unha festa na que se busca involucrar a todo o barrio porque foi a implicación de todos a que fixo posible que Monte Porreiro conte cunha oferta educativa axeitada e con futuro.
Lonas conmemorativas nos centros escolares da zona, actuacións musicais, presentación dunha curtametraxe e o recoñecemento público a persoas que tiveron un papel destacado na fusión educativa conforman a programación do evento, presentada polos concelleiros de Educación, Carmen Fouces e o delegado do barrio, Luís Bará, no miradoiro de Monte Porreiro.
Participarán nela, ademais do Concello, os dous centros educativos e as súas respectivas asociacións de nais e pais, e a asociación de veciños O Mirador de Monte Porreiro.
A celebración deste décimo aniversario comezará este venres 5 de novembro cun magosto na Praza de Europa e a colocación das lonas conmemorativas nas fachadas dos centros.
Ademais, o grupo Migallas actuará na escola Fina Casalderrey o 18 de novembro e no Marcos da Portela o día 25; mentres que a curtametraxe de Fina Casalderrey presentarase neles o 30 de novembro e o 17 de novembro respectivamente.
Haberá tamén un acto de recoñecemento e homenaxe na Casa de Cultura a persoas que loitaron pola educación pública e de calidade. Será o xoves 1 de decembro ás 19.00 horas.