Nunha operación conxunta da Policía Nacional e a Garda Civil desarticulouse unha organización dedicada á distribución de cocaína ao longo de todo o territorio nacional. Foron detidas catro persoas, dous veciños de Marín e dous de Vilagarcía de Arousa, dous deles con antecedentes policiais.
Segundo informaron fontes oficiais do Instituto Armado, os feitos tiveron lugar durante a tarde do día 6 de xullo cando os membros da organización levaban a cabo un transporte de substancias estupefacientes desde Vilagarcía de Arousa ata a localidade asturiana de Avilés. Os investigados viaxaban en dous vehículos diferentes. O primeiro, ocupado por unha muller, facía as funcións de “lanzadeira”, alertando da eventual presenza policial na estrada. Pola súa banda, o segundo vehículo era ocupado por dous homes e nel transportábase a partida de estupefacientes.
O que descoñecían é que os axentes levaban meses seguíndolles a pista e a manobra levada a cabo polos agora detidos non pasou inadvertida para os investigadores policiais.
Foi entón cando se precipitou a operación "Arena Negra – Vieira", na que os axentes se incautaron dun total de dous quilos trescentos gramos de cocaína e detiveron aos tres transportistas do alixo. Esta detención foi practicada por membros do Grupo de Estupefacientes de Xixón, na localidade de Avilés (Asturias), onde se desprazaron desde Vilagarcía de Arousa.
Grazas ás pescudas levadas a cabo polos axentes púidose identificar fidedignamente ao que sería o subministrador da substancia estupefaciente. Trátase dun veciño de Vilagarcía que foi detido unhas horas máis tarde, nas inmediacións do seu domicilio.
Con todo, a operación policial non finalizou aí. E é que do curso das actuacións desprendíase que o presunto subministrador podería albergar no seu domicilio unha gran cantidade de diñeiro en efectivo. As sospeitas das unidades investigadoras non ían desencaminadas.
REXISTRO DOMICILIARIO
Así as cousas, durante a tarde do día seguinte 7 de xullo, e con autorización do Xulgado de 1ª Instancia e Instrución número uno de Vilagarcía, os axentes procederon á práctica dunha dilixencia de entrada e rexistro no domicilio do principal investigado. Os investigadores sospeitaban que podería albergar no seu domicilio unha gran cantidade de diñeiro en efectivo.
Durante o rexistro os axentes localizaron a cantidade de 1.366.065 euros en efectivo, fraccionada en billetes de distinto valor, principalmente de 50 euros. Tamén se localizou munición do calibre 9 milímetros e outros efectos intimamente relacionados co delito investigado, tales como dous envasadoras ao baleiro, unha máquina de contar billetes e diversa documentación.
Os catro detidos han pasado a disposición xudicial durante a mañá deste venres día 9 de xullo.
Trátase dunha operación conxunta desenvolvida pola UDYCO II da Comisaría Provincial de Policía Nacional de Pontevedra, polo Grupo de Estupefacientes de Xixón, o Equipo de Delincuencia Organizada e Antidroga (EDOA), da Comandancia de Pontevedra e o Equipo de Policía Xudicial de Cangas.