Detido un mozo tras roubar tabaco no estanco, agredir varias persoas e romper o cristal dun local en Fernando Olmedo

Pontevedra
25 de abril 2024

O suceso producíase na tarde deste xoves 25 de abril cando un mozo entrou no estanco Justanes e levou catro paquetes de tabaco. A continuación causaba lesións a varias persoas coas que se cruzou na rúa e cunha barra de ferro rompeu o cristal dun local da mesma rúa. Axentes da Policía Local e da Nacional lograron reducir o mozo que estaba moi "pasado", segundo testemuñas presenciais

Un mozo golpea con patadas o dispensador de Padre Gaite / PontevedraViva

Tarde tensa na esquina de Fernando Olmedo con Padre Gaite, Santa Clara e Perfecto Feijoo. Os veciños e comerciantes aínda non se explican a reacción dun mozo que entraba no estanco Justanes e pedía un cartón de Camel. Nada facía sospeitar o que ía suceder a continuación.

No momento en que o estanquero entregaba o cartón, o mozo tentou levarlo sen pagar. O propietario do establecemento agarrou a mercadoría e o mozo só conseguía arrebatar catro paquetes de tabaco e rompía un ambientador de cristal durante a súa precipitada fuxida. 

Xa na rúa, o mozo golpeou varias persoas e mesmo, segundo as testemuñas presenciais, chegou a morder a un viandante

A continuación, cunha barra de ferro golpeaba a cristaleira dun local situado nas proximidades do estanco ata que logrou rompela.

O mozo, moi agresivo, regresou cara á tenda de tabacos. Nese momento, primeiro axentes da Policía Local e despois da Policía Nacional presentábanse na zona, alertados pola veciñanza. 

O asaltante que se atopaba "moi pasado", segundo relatan as testemuñas, enfrontouse aos axentes e foi necesario que, entre cinco, lograsen tombalo no chan para reducilo e esposalo para trasladalo á Comisaría Provincial.

OUTRO INCIDENTE, MINUTOS MÁIS TARDE

As persoas que permanecían na zona non superaran o susto cando, minutos máis tarde e xa sen a presenza da policía nos arredores, un mozo comezaba a golpear dando patadas un dispensador de bebidas do establecemento 'A punto 24 horas', situado en Padre Gaite. 

O mozo, de maneira violenta, tentaba forzar o dispensador impulsándose para golpeala con forza ante o estupor das persoas que se atopaban neses momentos na zona, que xa non se atrevían a calmar o mozo despois do anterior suceso.