Detido un mozo que atropelou a dúas persoas no aparcadoiro de La Luna

Pontevedra
03 de agosto 2016

O mozo, de 21 anos e veciño de Pontevedra, tivera unha acalorada discusión dentro da discoteca e, ao saír, subiuse ao turismo acompañado por dous amigos e púxose a facer trompos de forma totalmente temeraria, pasando polo medio da xente que abandonaba o local. Seguiu con ese comportamento ata que arroiou a dous desas persoas e fuxiu 

Coche implicado no atropelo a dúas persoas no aparcadoiro da discoteca La Luna
Coche implicado no atropelo a dúas persoas no aparcadoiro da discoteca La Luna / Guardia Civil de Pontevedra

A Garda Civil de Tráfico detivo a un mozo veciño de Pontevedra de 21 anos por presuntamente atropelar a dúas persoas no aparcadoiro da discoteca La Luna de Cerponzóns e posteriormente darse á fuga. 

Os feitos que acaban de aclararse ocorreron na madrugada do pasado 25 de xullo, Día de Galicia, na zona de aparcadoiro desta coñecida discoteca pontevedresa, cando o mozo agora detido ía nun coche e empezou a realizar trompos no medio da multitude de mozos que abandonaban a discoteca. 

No medio desa actividade temeraria, arroiou a dúas persoas que resultaron feridas e, deixándoas alí, deuse á fuga. Pero non calculou que había moitas testemuñas que posteriormente achegarían datos á Garda Civil para identificalo e posteriormente localizarlle e proceder á súa detención como suposto autor dun delito contra a seguridade viaria por conducir de forma manifestamente temeraria co resultado de lesións. 

A través da información achegada polas vítimas e esas testemuñas presenciais, o Grupo de Investigación de Accidentes de Tráfico (GIAT) do Subsector de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra abriu unha investigación que concluíu que o condutor do vehículo é o mozo de 21 anos que responde as iniciais H.R.C.

Segundo puido constatar Tráfico, o mozo tivera unha acalorada discusión dentro da discoteca e, ao saír, subiuse ao turismo acompañado por dous amigos e púxose a facer trompos de forma totalmente temeraria, pasando polo medio da xente que abandonaba o local. Seguiu con ese comportamento ata que arroiou a dous desas persoas e fuxiu xunto aos dous amigos, que tamén foron identificados.

As persoas que presenciaron os feitos, non quedaron quietas ante a súa actitude, senón que lle lanzaron pedras ao vehículo para tentar defenderse e disuadir o condutor da súa neglixente e perigosa condución. Estas pedras provocáronlle a rotura do portelo dunha porta e danos no parabrisas dianteiro.

As dúas persoas que resultaron feridas sufriron contusións múltiples de carácter leve e tiveron que ser atendidas no propio lugar polo persoal médico dunha ambulancia e logo trasladadas a un centro hospitalario. Ao día seguinte, recibiron a alta médica.