Detido un home que usaba un patinete eléctrico para vender droga con maior rapidez por Marín

Marín
20 de xullo 2022

O home, de 46 anos e con antecedentes, dedicábase á distribución de cocaína e heroína entre clientes que logo preparaban as doses para vender aos consumidores finais. Localizáronlle varios envoltorios que, unha vez cortados para a súa distribución ao consumidor final, poderían dar unhas 70 doses de cocaína e unhas 50 de heroína

Droga intervida en Marín
Droga intervida en Marín / Policía Nacional

Un home de 46 anos foi detido a pasada semana en Marín como presunto responsable dun punto de venda de drogas no que, para moverse con maior rapidez, utilizaba un patinete eléctrico para desprazarse. 

Axentes da Policía Nacional de Marín foron os artífices desta detención, que se produciu na noite do luns 11 de xullo por un delito contra a saúde pública na súa modalidade de tráfico de drogas. 

O home, que conta con antecedentes previos, era un intermediario. Dedicábase á distribución de cocaína e heroína entre clientes que logo preparaban as doses para vender aos consumidores finais.

A colaboración cidadá foi fundamental nesta detención, pois os axentes tiveron coñecemento da actividade deste individuo a través da delegación de participación cidadá da Comisaría nos seus diferentes contactos con asociacións de veciños e comerciantes.

O Grupo de Investigación de Marín puxo en marcha unha serie de dispositivos para deterlle e lograron interceptalo cando levaba a cabo diferentes transaccións de cocaína e heroína en plena vía pública circulando a toda velocidade en patinete polas distintas rúas da cidade e extremando as medidas de precaución.

Unha vez identificado, os axentes efectuaron un cacheo superficial de comprobación dos efectos que portaba, e localizaron no medio dun pano de mesa  varios envoltorios plásticos con diferentes cantidades de cocaína e heroína,.

Segundo os cálculos policiais,  unha vez cortada para a súa distribución ao consumidor final, a droga intervida podería dar unhas 70 doses de cocaína e unhas 50 de heroína.

Esta actuación enmárcase dentro do plan operativo de resposta policial ao tráfico retallista e consumo de drogas, que ten como obxectivo principal a erradicación en Marín dos puntos negros de venda de drogas polo miúdo coa continua trasfega de drogodependentes que acoden a esas zonas.