Detido un home por un presunto delito de violencia machista na cidade

Pontevedra
06 de decembro 2023

Foi na tarde do luns nunha vivenda da cidade. De novo, a colaboración cidadá foi fundamental para alertar á Policía, xa que os berros de auxilio escoitáronse na rúa

Vehículo da Policía Local de Pontevedra
Vehículo da Policía Local de Pontevedra / Mónica Patxot

A Policía Local de Pontevedra interveu este pasado luns, 4 de decembro, nunha presunta agresión machista sucedida nunha vivenda da cidade. 

Os feitos foron denunciados por persoas que asistían á concentración en favor de Palestina e que escoitaron como dende un piso próximo unha muller pedía auxilio e socorro.

Segundo informan fontes oficiais, eran as 20.15 horas cando os axentes entraron no domicilio e observaron que estaba revolto e había cristais rotos.

O parte policial recolle que produciuse unha discusión acalorada na que a vítima chegou a ser suspendida no aire e tiña distintas feridas no pescozo. Os axentes tamén comprobaron que tiña danos de agresións anteriores.

A Policía tamén tomou declaración a algunhas persoas que estaban na rúa e que confirmaron que se escoitaba unha discusión, fortes golpes e unha muller pedindo axuda.

Ambos tiveran unha relación anterior. A vítima ten uns 23 anos e o presunto agresor, duns 28 anos, foi detido. 

O departamento de Seguridade cidadá que dirixe a tenente de alcalde, Eva Vilaverde volve a agradecer a colaboración cidadá, que se demostra como fundamental para tratar de radicar a lacra social da violencia machista.