Detido un home de 41 anos por furtar un Volkswagen Polo na rúa San Román e queimalo en Bora

Pontevedra
23 de febreiro 2022

O presunto autor aproveitou que o propietario do vehículo estaba a realizar unha descarga e deixara as chaves no interior do turismo para realizar o furto. Horas despois, veciñanza de Vilares, na parroquia de Bora, alertaba do incendio do vehículo. O home foi detido ao día seguinte nun control da Policía Local de Pontevedra

Así quedou o vehículo subtraído na rúa San Román
Así quedou o vehículo subtraído na rúa San Román / Policía Local de Pontevedra

Axentes da Policía Local de Pontevedra detiñan o luns 21, ás 18.00 horas, a un home de 41 anos como presunto autor dunha subtracción e posterior combustión dun vehículo particular.

Segundo informan desde a Policía local, os feitos producíanse durante o domingo 20 de febreiro, cando na Xefatura de Policía tiveron coñecemento do roubo dun Volkswagen Polo de cor vermella que se atopaba na rúa San Román.

O dono do turismo explicou que se ausentou do vehículo para realizar unha descarga, deixando as chaves postas no coche mentres realizaba o operativo. O propietario alertou ao corpo local da Policía ofrecendo datos da descrición do autor do furto. tamén facilitou datos da dirección na que se fuxiu, saíndo da zona da Ferrería en dirección a Cobián Roffignac.

Unha testemuña presencial do incidente ofreceu tamén a descrición da persoa que presuntamente se levou o turismo e o seu alcume. Varias patrullas policiais achegáronse ata a zona e realizaron unha batida pola contorna sen lograr localizar o vehículo. O rastrexo realizouse tamén por zonas nas que se adoita mover o presunto delincuente, unha persoa sobradamente coñecida polos axentes, segundo indica a Policía local. Ao mesmo tempo informaban do suceso á Policía Nacional, que tamén iniciaba a procura do coche.

Ás 13.00 horas do domingo, as oficinas policiais reciben unha chamada na que alertan do incendio dun vehículo no lugar de Vilares, na parroquia de Bora. Segundo a descrición realizada na chamada, o turismo encaixaba co subtraído. As testemuñas tamén ofreceron unha descrición do condutor que coincidía co que se levou o Volkswagen Polo horas antes. 

O luns, nun control policial na Avenida de Vigo, axentes da Policía local observan que no asento traseiro dun vehículo se atopaba sentado o presunto autor do furto e do incendio. Unha vez identificado, os axentes detiveron ao home, que era trasladado á Comisaría da Policía Nacional para a súa posta a disposición xudicial.