A Policía Nacional detivo un veciño de Pontevedra de 40 anos con antecedentes policiais por supostamente roubar á forza en interior de tres vehículos e causar danos no caixeiro de cobramento dun aparcadoiro.
Os dous primeiros feitos que se lle atribúe rexistráronse o 28 de maio, cando dúas persoas acudiron á Comisaría a denunciar roubos con forza no interior dos seus vehículos. Unha muller denunciou que lle roubaran unha carteira valorada en 130 euros, tarxetas bancarias, diversa documentación persoal e unha bolsa de praia tras fracturarlle a xanela dianteira.
O segundo denunciante é o propietario dun vehículo do que, tras fracturar unha das xanelas, lle roubaron dúas mochilas con documentación, unha xoia valorada en 1.000 euros e unha cazadora de 500 euros.
O día 3 de xuño houbo unha denuncia similar na Comisaría. Nesta ocasión, o propietario dun vehículo relatou que lle fracturaran a xanela, pero non chegaron a subtraerlle ningún obxecto do interior. Si lle causaron danos no embelecedor.
A raíz das denuncias presentadas, e dadas as similitudes destas, os investigadores barallaron a hipótese de que todos os feitos terían sido cometidos pola mesma persoa, comezando os labores de investigación. Conseguiron situar o agora detido no lugar onde se cometeron os roubos e lograron detelo o 23 de xuño sobre as 19.30 horas nas inmediacións da avenida Raíña Victoria.