Un suceso na praza de Valentín García Escudero axitou a madrugada pontevedresa. Unha persoa foi detida tras ferir a dúas persoas cunha arma branca.
O incidente, segundo indicaron fontes da Policía Local de Pontevedra, produciuse sobre as tres da madrugada.
O presunto autor dos apuñalamentos foi arrestado polos axentes municipais pouco despois, tras unha intensa busca polas inmediacións da praza.
O detido foi trasladado á comisaría da Policía Nacional, que se fixo cargo da investigación. Nestes momentos, está a prestar declaración en sede policial.
As dúas persoas feridas, ambas as dúas maiores de idade, foron trasladadas ao hospital.
Están fóra de perigo. Unha das vítimas foi dada xa de alta e a outra quedou ingresada en planta para recuperarse das feridas que ten no costado e nas costas.
Este non foi o único incidente en que tiveron que actuar as forzas e corpos de seguridade durante a pasada madrugada.
Axentes da Policía Local tiveron que acudir tamén até os arredores dun establecemento da rúa Alfredo García Alén para intervir nunha pelexa entre varias persoas.
En colaboración coa Policía Nacional, os axentes restableceron a orde e identificaron a todos os implicados, segundo informou o Concello de Pontevedra.