A Policía Nacional detivo un mozo de 24 anos como presunto responsable dun punto de venda e distribución de droga establecido en pleno centro de Pontevedra, na contorna da rúa Loureiro Crespo.
Coa súa detención, a Policía dá por desarticulado un punto de venda de droga do que tiveran coñecemento porque alí poderíase estar a vender droga polo miúdo cunha continua trasfega de persoas para adquirir substancias estupefacientes.
O grupo de prevención da delincuencia da Brigada de Prevención de seguridade da Comisaría de Pontevedra, os coñecidos como 'linces', foron os responsables da actuación.
En base ás primeiras informacións recibidas, iniciaron as pescudas que desembocaron na incautación de varias vendas de pequenas cantidades de haxix, marihuana e cocaína a outros tantos compradores.
Cando axentes estaban a realizar labores de prevención, observaron unha persoa saíndo dun vehículo en actitude vixiante. Ao detectar a presenza policial, lanzou a un contedor a bolsa que levaba na man.
Os axentes déronlle o alto e, tras un cacheo de seguridade, atopáronlle nun peto do pantalón 540 euros en billetes fraccionados.
Ademais, recuperaron a bolsa lanzada ao contedor e contiña dúas tabletas recubertas de plástico que, a falta da análise do laboratorio, tiñan cocaína. Tiñan un peso de 274 e 275 gramos.
Os axentes detivéronlle por un delito contra a saúde pública por venda de cocaína a terceiras persoas. Resultou ser un veciño de Pontevedra de 24 anos con antecedentes policiais.