Andrés de Vicente Fuentes, 'Capi', e coñecido porque no ano 2015 agrediu a Mariano Rajoy en Pontevedra, volveu a ser arrestado. Ocorreu sobre as 14.00 horas deste venres, nesta ocasión, por agredir e lesionar a un xornalista de La Voz de Galicia.
Segundo puido saber PontevedraViva, o mozo entrou na redacción deste xornal na rúa Rosalía de Castro nun momento no que só había dúas persoas no interior. Ía armado cun coitelo e atacou un deles.
O xornalista tratou de defenderse e sufriu cortes no antebrazo e na man polos que tivo que ser atendidos por unha ambulancia e acabou sendo trasladado ao Hospital Montecelo.
Ademais, o mozo 'Capi' causou importantes desfeitas nas instalacións do xornal, no que rompeu o mobiliario e os computadores.
A continuación, foi detido pola Policía Nacional. Ata o lugar trasladáronse varias patrullas das policías Local e Nacional de Pontevedra e tamén unha ambulancia do 061.
Fontes coñecedoras do sucedido explicaron que, nada máis entrar, o mozo preguntou ao xornalista se sabía quen era e atacouno.
O profesional logrou saír á rúa pedindo axuda e unhas compañeiras que chegaban nesa momento ás instalacións pecharon a porta, de maneira que o agresor quedou dentro ata a chegada dos policías. Logo, foi detido.
A Policía Nacional investiga agora os feitos e a Policía Científica vai examinar as instalacións na procura de probas.
RECENTEMENTE CONDENADO
Estas mesma semana o mércores 12 de xullo, o agora detido foi condenado coa súa conformidade no Xulgado do Penal 1 de Ourense por un altercado nun bar.
En decembro do ano 2020, golpeou a un home na cabeza e dixo "Vais a morir todos" despois de que lle pedisen que abandonase o local por dicir consignas a favor de ETA.
Coa súa conformidade, foi condenado a unha multa de 540 euros por un delito de lesións e outra de 90 euros por delito leve de ameazas. Tívose en conta unha circunstancia atenuante de alteración psíquica.
No ano 2019, un acordo extraxudicial permitiu que saíse absolto dun delito de lesións leves por agredir ao coordinador provincial de Vox en Pontevedra, Juan Manuel Rosales, en marzo dese ano. O día do xuízo, coincidiu coa súa vítima nos xulgado, recoñeceu o que fixo e pediulle perdón.
Froito dese perdón e dun acordo alcanzado polas dúas partes, polo que pagou ao líder de Vox unha indemnización, librouse dunha condena penal. Aquel día, nos xulgados, xa mostrou a súa animadversión cara aos xornalistas que agora volveu a confirmar co ataque en La Voz de Galicia. Díxolles: "Iros a la mierda”.
Cando agrediu a Rajoy era menor e foi condenado a dous anos de internamento nun centro de menores de réxime pechado que cumpriu integramente en Monte Ledo (Ourense).
Tras o asalto deste venres, o mozo permanece en observación no departamento de Psiquiatría do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra.