Detido un home por tentar matar á súa nai en Santa María de Sacos

Cerdedo-Cotobade
02 de xaneiro 2025
Actualizado: 03 de xaneiro

A muller foi trasladada de urxencia ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, onde permanece ingresada en estado moi grave

Patrulla da Garda Civil
Patrulla da Garda Civil / Mónica Patxot

Un home de 46 anos foi detido á primeira hora da tarde deste xoves polo intento de asasinato da súa nai, de 79, en Cerdedo-Cotobade.

Os feitos ocorreron sobre as 14.00 horas en Santa María de Sacos e o home foi detido unha hora máis tarde, sobre as 15.00 horas.

Segundo confirmaron fontes oficiais da Garda Civil, o home atacou á súa nai e causoulle feridas moi graves.

A muller foi trasladada de urxencia en helicóptero ao hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, onde permanece ingresada en estado moi grave.

Aínda está por determinar a arma do crime, se foi unha malleira ou se utilizou un  coitelo.

O fillo foi trasladado á Comandancia da Garda Civil de Pontevedra e sistintas fontes consultadas indicaron a este xornal que tras o arresto, recibiu atención médica psiquiátrica. Logo, foi derivado á área de Psiquiatría do Hospital Provincial, onde permanece este venres.

Este home foi detido como suposto autor dun delito de asasinato en grao de tentativa.

Os feitos ocorreron na vivenda familiar, onde vivía a muller. O home reside habitualmente en Barro, aínda que este xoves estaba na casa da súa nai.

Despois de atacar á súa nai, o home abandonou o lugar e estivo noutros puntos do pobo. Pouco despois, regresou á vivenda e, ao chegar, preguntou aos veciños que ocorrera. Estando alí, os veciños avisaron á Garda Civil, que xa estaba na zona, e foi arrestado.