A Policía Local de Pontevedra detivo unha muller de 59 anos por agredir a súa nai, unha anciá de 86 anos.
O parte policial indica que os veciños do edificio no que residen chamaron á policía porque escoitaron un forte golpe no piso.
Aseguraban que as disputas entre filla e nai eran moi frecuentes.
Ao chegar, os axentes comprobaron que a vítima estaba no medio dunha crise de ansiedade.
Relatou que ambas comezaran unha discusión por un tema sen importancia, que rematou coa filla dándolle puñadas na cabeza, na fronte e cun forte empurrón que a tirou ao chan.
Ante os berros de auxilio da muller, subiron veciños que viron á vítima tirada no chan e axudárona a levantarse, como así confirmaron aos axentes.
A detida, pola súa banda, dixo que a súa nai caera ao chan e simulou que ela lle pegara.
A esta muller, que tivera unha orde de afastamento da súa nai que xa non estaba en vigor, a policía atribúelle un delito de violencia doméstica.