A Policía Nacional detivo o venres a unha parella de orixe estranxeira como supostos autores do intento de roubo con forza en varias vivendas da zona das Corvaceiras nas que trataron de entrar retirando o axexadoiro, un método moi estendido entre as bandas itinerantes de ladróns para entrar en vivendas: retiran os axexadoiros para descubrir se os moradores están na vivenda e, tras comprobar que están baleiras, entran e desvalíxanas.
Neste caso, non lograron entrar en ningún piso, pero agora investígase se os dous arrestados puideron ser os autores de varios roubos si consumados rexistrados na cidade nos últimos tempos.
Ambos os dous pasaron a disposición xudicial ao longo da xornada do sábado e o xuíz de garda deixounos en liberdade pola tentativa de roubo con forza. A muller saíu á rúa, pero o home volveu aos calabozos da Comisaría da Policía Nacional. Segundo fontes consultadas, tiña vixente unha requisitoria xudicial por infracción á lei de estranxeiría. Este luns volveu ao xulgado para render contas por esta débeda pendente que pode levar consigo a expulsión de territorio nacional.
O home, de 44 anos, ten pasaporte mexicano e a muller, de 41, é de orixe colombiana, pero ambos os dous teñen o domicilio establecido en Madrid. Ambos os dous ten antecedentes policiais e a Policía Nacional continúa as xestións para tratar de confirmar os indicios que apuntan a que se trataría dun grupo itinerante de ladróns que adoita utilizar o método do axexadoiro. Se se confirman estas sospeitas policiais, teríanse desprazado a Pontevedra para roubar e, posteriormente, volver ao seu lugar de residencia.
Un dos arrestados fuxiu da Policía por varias rúas, saltou un muro e foi localizado escondido entre unhas sebes
O venres 18 de outubro ambos os dous foron arrestados no marco do dispositivo habilitado pola Policía Nacional co fin de previr os roubos no interior de vivendas. Como consecuencia das vixilancias e seguimentos que se veñen realizando no marco do citado operativo, os axentes detectaron a presenza de dous individuos que viñan sendo seguidos.
Segundo indicou a Policía Nacional, eran sobre as 11.40 horas da mañá e mentres o seguían chegaron á avenida das Corvaceiras. Mentres o home ocultaba unha mochila entre unhas sebes, a muller accedía a un dos inmobles da zona.
A muller que accedera ao inmoble saíu instantes despois e foi interceptadao polos axentes na parada de autobús da avenida de Marín, se ben o varón, ao detectar a presenza dos axentes, saíu fuxindo, iniciándose unha persecución por varias rúas, que culminou tras saltar un muro de acceso a un terreo da rúa Rosalía de Castro. Pouco despois, foi detectado tras unha exhaustiva busca oculto entre as sebes do terreo, onde os axentes procederon á súa detención.
Os axentes, tras a detención de ambos os dous individuos, dirixíronse ao inmoble de onde os viran saír e comprobaron que os axexadoiros de varias das vivendas do edificio se encontraban afrouxados e mesmo dúas delas xa foran extraidas e encontrábanse no chan.
A Policía Nacional interveulles unha mochila en cuxo interior había varias ferramentas utilizadas habitualmente para forzar portas de entrada a domicilios, tales como panquiñas, desaparafusadores ou chaves de traballo, ademais de luvas.