A Garda Civil, en concreto a Sección de Seguridade do Centro Penal da Lama, detivo unha muller por un presunto delito contra a saúde pública tras ser interceptada nos accesos ao cárcere pontevedrés.
No marco dun operativo de control realizado nos accesos ao penal os axentes deron o alto o pasado 5 de agosto a un vehículo que viaxaba con tres ocupantes. Unha delas era a citada muller, de 30 anos de idade e veciña de Madrid e que contaba con antecedentes policiais por delitos contra a saúde pública.
Fóronlle intervidos tres paquetes con forma de landras envoltas en plástico cun total de 37,2 gramos de haxix, así como dous paquetes máis con 8,6 gramos de cocaína e unha navalla.
A muller, tras ser detida, foi posta en liberdade en sede policial á espera de ser citada polo xuíz que investiga o caso, sendo remitidas as dilixencias oportunas ao Xulgado de Garda de Pontevedra.
Ademais no control foi denunciado o condutor do vehículo por un presunto delito contra a seguridade viaria, xa que o home que se atopaba ao volante, tamén veciño de Madrid de 33 anos de idade e con antecedentes policiais, carecía de permiso de conducir en vigor ao estar suspendido temporalmente por orde xudicial.
No operativo colaboraron axentes do Subsector de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra así como do Servizo Cinológico.