A Garda Civil detivo a B.A.S., de 24 anos de idade, a I.H., de 36, a S.B., de 33, a I.G.M., de 18 e a I.B., de 34, todos eles de nacionalidade romanesa e con domicilio en Sanxenxo, como supostos autores de, polo menos, dous roubos en naves industriais de Cambados.
A semana pasada compoñentes do Posto Principal da Garda Civil de Sanxenxo, na estrada PO-504 dirección Vilalonga, procederon a controlar o turismo marca Volkswagen, modelo Passat, no que viaxaban os cinco detidos.
Tras un rexistro superficial ao vehículo observaron no maleteiro un caixa de grandes dimensións en cuxo interior contiña diverso efectos cuxa procedencia os ocupantes do turismo non souberon xustificar, polo que a Garda Civil procedeu á súa incautación ao obxecto de poder determinar os lexítimos propietarios.
Seguindo coas investigacións os axentes puideron constatar que os efectos procedían de dous roubos con forza en senllas naves industriais de Cambados onde, tras realizar un butrón no teito e inutilizar os sistemas de alarmas, entraran a estas para conseguir os efectos.
Este luns procedeuse á detención dos cinco ocupantes do vehículo que, tras pasar a disposición xudicial, quedaron en liberdade coa obriga de presentarse ante o Xulgado de Instrución número dous dos de Cambados cando para iso sexan requiridos.
A Garda Civil continúa coas investigacións polo que non se descartan máis detencións así como a imputación de máis feitos delituosos desta mesma índole.