Axentes da Policía Nacional da Comisaría de Pontevedra e da Policía Local detiveron un home de 48 anos, veciño de Pontevedra, con antecedentes policiais como presunto autor da subtracción dunha furgoneta e de causar lesións á filla do propietario do vehículo.
A furgoneta fora subtraída na rúa Loureiro Crespo na tarde do 13 de marzo, segundo denunciou o propietario na Comisaría da Policía Nacional. Ao día seguinte, a filla do propietario cando camiñaba pola rúa Perfecto Feijoo observou o vehículo do seu pai circulando con dous homes no seu interior. A muller achegouse ao coche berrándolle: "el coche no es tuyo". Nese momento, o condutor acelerou de forma brusca provocando que a muller caese ao chan e sufrira múltiples lesións tendo que ser atendida nun centro hospitalario para administrarlle puntos de sutura. Como consecuencia, a vítima presenta diversos hematomas no xeonllo e no ollo, ademais de danos materiais nos lentes, o bolso e o teléfono móbil.
Tras arrastrar a muller, o condutor da furgoneta saíu circulando en dirección á Praza de Barcelos. Durante a tarde desa xornada do 14 de marzo, axentes da Policía Local localizaron o vehículo aparcado na rúa Alexandre Bóveda e alertaron a Policía Nacional deixando inmobilizada a furgoneta cun cepo.
A partir dese momento iniciouse a investigación para dar co paradoiro do presunto autor dos feitos ata que foi localizado e detido na rúa Riestra por un axente da Policía Local e outro do Nacional. Tras o atestado policial, o home de 48 anos foi posto a disposición xudicial como presunto autor dun furto e dun delito de lesións.