Deteñen un pontevedrés por perseguir en coche a súa ex moza, insultala e ameazala

Pontevedra
15 de outubro 2013

Os feitos aconteceron sobre as 1.30 horas da madrugada do sábado ao domingo. O home supostamente empezou a seguir o coche no que viaxaba a súa ex moza cun amigo á altura da avenida de Vigo e non cesou no seu acción ata que a Policía Local lle deu o encontro na praza de Barcelos. A detención foi posible a raíz dunha chamada de teléfono do amigo que acompañaba á rapaza no coche

Vehículo da Policía Local de Pontevedra na avenida de Bos Aires
Vehículo da Policía Local de Pontevedra na avenida de Bos Aires

A Policía Local de Pontevedra detivo na madrugada do domingo un mozo veciño da cidade de 33 anos como presunto autor dun delito de ameazas e insultos dentro do ámbito da violencia de xénero da que a vítima tería sido a súa ex moza.

Os feitos aconteceron sobre as 1.30 horas da madrugada do sábado ao domingo. O home supostamente empezou a seguir o coche no que viaxaba a súa ex moza cun amigo á altura da avenida de Vigo e non cesou na súa acción ata que a Policía Local lle deu o encunentro na praza de Barcelos.

A detención foi posible a raíz dunha chamada de teléfono do amigo que acompañaba á rapaza no coche. Ante o que estaba a suceder, chamou a Policía Local e foille indicando por onde circulaban mentres a seguía o detido. Xa en Barcelos, e tras a detención, a muller confirmou o relato dos feitos.

Segundo contaron a Policía Local, o agora detido empezou a seguilos nun turismo Skoda e intentou bloquear o paso do seu coche en varias ocasións, adiantándoos e dando sinais para que parasen. Á altura do supermercado Lidl, cruzouse diante deles, baixou e achegouse ao lado do condutor, onde estaba a rapaza.

O relato da muller, de 25 anos, sinala que nese momento ameazoua, insultou e reprochou que tiña unha nova parella. Nese momento, ela conseguiu esquivalo e continuou a marcha no coche. O home volveu ao seu coche e continuou perseguíndoa ata a súa detención.