A Policía Autonómica de Pontevedra detivo o presunto autor do incendio forestal rexistrado o 14 de agosto na parroquia de San Martiño de Salcedo, nunha parcela propiedade da comunidade de montes e destinada a ser nun futuro campo de maniobras da Brigada de Infantería Lixeira (Brilat).
Segundo informou a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta, o lume arrasou finalmente 8,5 hectáreas de terreo. Da superficie queimada, 5.000 metros cadrados foron de monte arborado e 80.000 metros cadrados de superficie rasa.
A investigación aberta pola Policía Autonómica determinou que o lume tivo a sua orixe nunha neglixencia que tería cometido a persoa detida mentres realizaba traballos forestais despois dunha tala.
O lume comezou as 16.40 horas e quedou controlado ás 19.42. A zona afectada sitúase próxima ao lugar da Armada, pero non chegou a estar preto de vivendas.
A comunidade de montes de Salcedo contratara a tala de eucaliptos dese terreo en días previos e na tarde do lume estábanse realizando tarefas de roce e desmonte tras tirar abaixo as árbores. A persoa detida estaría usando de forma neglixente un tractor que quedou calcinado polo lume.
Para a extinción deste lume forestal foron necesarios varios medios terrestres a aéreos da Xunta de Galicia, que permitiron que as lapas non se propagasen máis. Polos feitos, instruíronse dilixencias que foron remitidas ao Xulgado de Instrución número 2 de Pontevedra, que estaba de garda o día do incendio.
Na investigación aberta pola Policía Autonómia para esclarecer as causas do incendio prestaron declaración xa varias persoas, entre elas dous operarios e o presidente dos comuneiros, Fernando Pintos.