Deteñen un maltratador que se puxo violento coa súa parella e destrozou a vivenda diante das súas fillas

Pontevedra
06 de outubro 2019

A concienciación veciñal resultou fundamental esta semana na detención dun home de 32 anos por un delito de violencia de xénero. Un veciño alertou á Policía Local porque nunha vivenda próxima se escoitaban ameazas e fortes golpes, ademais dunha voz de muller que berraba: "non me pegues" 

Policía Local de Pontevedra
Policía Local de Pontevedra / Mónica Patxot

A concienciación veciñal contra a violencia de xénero contribuíu esta semana á detención dun presunto maltratador que se puxo violento coa súa parella diante das súas fillas menores de idade e causou desfeitas na vivenda que compartían. 

Os feitos sucederon sobre as 15.45 horas da tarde do venres día 4. Un veciño alertou á Policía Local de Pontevedra porque nunha vivenda próxima se escoitaban ameazas e fortes golpes, ademais dunha voz de muller que berraba: "non me pegues".

Varias patrullas da Policía Local desprazáronse ata o lugar indicado e, á súa chegada, unha muller abriulles a porta. Tratábase da vítima, que relatou aos policías que, momentos antes, o seu compañeiro sentimental se puxera violento. 

Segundo o relato da muller, o agresor tirou obxectos ao chan e rompeu o cristal dunha porta e unha televisión. Este último electrodoméstico destrozouno dunha patada.

No momento dos feitos, estaban na vivenda as dúas fillas da parella, menores de idade, segundo a información facilitada pola Policía Local.

Os axentes detiveron ao presunto agresor, un veciño de Pontevedra de 32 anos, como autor dun delito de violencia de xénero.

A Policía Local destaca que, unha vez máis, vese a importancia que ten a implicación da sociedade na erradicación dos delitos de violencia de xénero. Tanto na violencia doméstica como na de parella danse unhas circunstancias tales (relacións afectivas, ambiente de medo, convivencia nun mesmo domicilio...) que moitas veces deixan ás vítimas a mercé do delincuente, de tal forma que a axuda externa e a solidariedade cidadá é, en ocasións, a única forma de que a súa situación acabe por saír á luz e sexa detectada polas Forzas de Seguridade.