Deteñen un home relacionado co caso da morte da veciña de Marín

Marín
28 de decembro 2013
Actualizado: 19:07

A Policía Nacional detivo o home nas últimas horas e someteu a un rexistro a vivenda na que reside situada na rúa Fondo do Saco

Nas últimas horas era detido un veciño de Marín ao que se relaciona coa morte de I.P.F., a muller de 45 anos que aparecía morta no seu domicilio durante a tarde do xoves. Os axentes da Policía Nacional realizaron un rexistro na vivenda na que reside na rúa Fondo do Saco e, a continuación, levaron detido a este home do que aínda non trascendeu a súa identidade nin en que momento pasará a disposición xudicial. O caso lévao o Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción número 2 de Marín.

Segundo a Subdelegación do Goberno, o presunto agresor mantiña unha relación afectiva coa vítima e se coñecían dende hai tempo. Nun comunicado, dende a Subdelegación sinalan que se investiga se podería tratarse dun delito de violencia de xénero.

A autopsia efectuada á veciña confirmaba que foi vítima dunha agresión violenta. Segundo os datos obtidos no exame médico forense, a muller sufrira un forte golpe na cabeza e en varias partes do corpo.

Segundo publican hoxe o Diario de Pontevedra e o Faro de Vigo, trátase dun home de ao redor de 40 anos, coñecido en Marín. A Policía Nacional de Pontevedra mantén aberta a investigación para determinar o acontecido. Non hai constancia de que a vítima tivese presentado denuncias previas por malos tratos.

En todo caso, os veciños comentaron que o home ao que intenta encontrar a Policía para tomarlle declaración visitara a vivenda da vítima en varias ocasións ao longo do último mes, situada no inmoble número 6 da rúa Alcalde José del Río.

A Delegación do Goberno en Galicia lembra a importancia de usar o teléfono 016, que é gratuíto e garante a confidencialidade da chamada para denunciar casos de violencia no ambito doméstico.