Deteñen un home en Moraña acusado de matar as súas dúas fillas

Umia
31 de xullo 2015
Actualizado: 14:58

A Garda Civil investiga a morte violenta das dúas menores nun suceso que se produciu na mañá deste venres no Casal, Moraña. O pai das menores foi detido e trasladado ao hospital Montecelo polas feridas que se tería causado ao intentar suicidarse.

Lugar de Moraña no que se produciu o crime
Lugar de Moraña no que se produciu o crime / Cristina Saiz

A Garda Civil investiga a morte violenta de dúas nenas en Moraña nun suceso que se produciu durante a mañá deste venres no lugar do Casal, parroquia de San Martiño.

Segundo confirman fontes oficiais, o pai das dúas nenas foi detido e trasladado baixo custodia ao hospital de Montecelo polas feridas que se tería causado ao intentar suicidarse.

As menores tiñan 4 e 9 anos de idade. Segundo transcendeu os seus proxenitores estaban separados dende hai varios anos e a custodia estaba en poder da nai, pero as nenas pasaban uns días de vacacións co seu pai na casa na que viviran durante a relación de ambos os dous e na que agora vivía o home, que tiña unha nova parella. Debían volver coa súa nai esta fin de semana.

Fontes próximas á investigación indicaron que se baralla como móbil do crime unha vinganza persoal do presunto homicida cara á súa exmuller, coa que mantiña malas relacións. O home, presuntamente, utilizou unha máquina radial como arma para matar as súas fillas e posteriormente intentou quitar a vida co mesmo aparato.

O pai das nenas e presunto autor do crímen é natural de Moraña pero moi coñecido en Caldas de Reis, onde é propietario dunha axencia inmobiliaria.

O caso foi trasladado ao Xulgado de Instrución 1 de Caldas de Reis na súa función de xulgado de garda.

Ata o lugar dos feitos achegouse a alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, "muy afectada porque soy parte implicada" pois é "íntima amiga de la familia de la ex-mujer y de él antes de que se separasen". A rexedora anunciou un pleno extraordinario para as 21:00 horas deste venres no que se decretarán tres días de loito oficial no municipio.

Arquivado en