A Garda Civil detivo un home de 60 anos como suposto autor de dous roubos no interior dun bar situado na parroquia de Saiar, no municipio de Caldas de Reis.
Segundo informaron fontes oficiais do instituto armado, as investigacións levadas a cabo polo equipo de investigación da Garda Civil de Vilagarcía de Arousa, en colaboración cos efectivos do posto de Caldas de Reis, determinan que F.T.G., de 60 anos, veciño do mesmo municipio, na escasa marxe de trece días, cometeu dous roubos no interior dun bar situado na parroquia de Saiar.
O primeiro dos roubos cometeuno o pasado 25 de xaneiro, forzando unha das xanelas exteriores do establecemento. Unha vez no interior fracturou a máquina recreativa para subtraer a recadación, apropiándose tamén do diñeiro que contiña a máquina rexistradora do establecemento.
O 8 de febreiro, trece días despois, volveu entrar no mesmo bar utilizando o mesmo procedemento para subtraer, nesta ocasión, unicamente a recadación da máquina recreativa. O total do diñeiro subtraído nas dúas ocasións supera os 2.000 euros.
O detido, xunto coas dilixencias instruídas, foi posto a disposición do xulgado de instrución de garda de Caldas de Reis.