Deteñen en Pontevedra a un estafador buscado por xulgados de Galicia e Madrid para ir a prisión

Pontevedra
18 de marzo 2025

A Brigada Provincial de Policía Científica de Pontevedra constatou que este individuo tiña dúas identidades, unha portuguesa e outra española, coa que lle figuran todas estas ordes en vigor

Policía Nacional patrulla na Peregrina
Policía Nacional patrulla na Peregrina / PontevedraViva

Axentes da Policía Nacional detiveron en Pontevedra un estafador sobre o que pesaban nove reclamacións de diferentes xulgados de Galicia e Madrid, tres delas para o seu ingreso inmediato en prisión.

O arresto produciuse onte luns cando unha traballadora dunha entidade bancaria da cidade chamou ao 091 para alertar da presenza dun individuo ao que, de anteriores ocasións, recoñecían como un presunto usurpador de identidades.

Ao identificar a esta persoa, a Policía Nacional comprobou que tiña en vigor seis ordes de detención por estafa de diferentes xulgados da Coruña, Vigo, Ferrol e Santiago.

Ademais, constábanlle dúas ordes de ingreso en prisión por un delito de estafa de xulgados da Coruña e Madrid e unha terceira por un delito de roubo con forza dun xulgado de Ferrol.

Grazas ás indicacións da traballadora do banco, os axentes atoparon nunha papeleira un DNI utilizado por este individuo a nome doutra persoa e que fora roubado en Valladolid.

A Brigada Provincial de Policía Científica de Pontevedra constatou que este individuo tiña dúas identidades, unha portuguesa e outra española, coa que lle figuran todas estas requisitorias en vigor.

Unha vez detido e efectuado o correspondente atestado policial, o detido foi posto a disposición da autoridade xudicial.