A Garda Civil detivo a media mañá deste sábado un veciño de Soutomaior de 34 anos como presunto autor do último caso de violencia de xénero producido en España, a morte apuñalada da súa ex noiva durante a madrugada ás portas da súa casa na parroquia pontevedresa de Ponte Sampaio.
Fontes policiais confirmaron a detención do home, José Antonio Lusquiños Bustelo, coñecido como 'Coco'.Axentes da Garda Civil localizárono a uns 50 metros da casa dos seus pais, no lugar de Pedreira. Segue sen aparecer o coitelo presuntamente empregado para matar a vítima e o coche dela no que el escapou.
Fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmaron que non figuran denuncias previas da vítima ao detido por cuestións de violencia de xénero.
A investigación do caso lévana a Policía Nacional e o Xulgado de Instrución número 2 de Pontevedra, pero pediuse a colaboración á Garda Civil para establecer un dispositivo de procura que permitise localizar ao sospeitoso. O operativo púxose en marcha pouco despois das catro da madrugada e deu resultado ao redor das 10.00 horas. A pesar de que o detivo a Garda Civil, foi trasladado á Comisaría da Policía Nacional da rúa Joaquín Costa e está previsto que sexa posto a disposición xudicial nas próximas horas.
A principal hipótese que barallan os investigadores é que o mozo esperou á súa ex noiva, Conchi Reguera Peón, moi preto da súa casa, no cruzamento que vai de Ponte Sampaio a Acevedo, e á súa chegada, sobre as 3.50 horas da madrugada, apuñalouna cunha arma branca. Cando a muller aínda estaba viva, deixouna tirada e fuxiu usando o turismo Peugeot propiedade dela.
Os familiares da muller alertaron o 061, pero os sanitarios xa non puideron facer nada por salvarlle a vida, só certificar a súa morte. O cadáver foi trasladado ao Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) para practicarlle a autopsia.
A falecida, Conchi Reguera Peón, é moi coñecida na parroquia, onde rexentaba un quiosco na zona da praia da Xunqueira. Dase a circunstancia de que o establecemento sufriu un grave incendio o pasado 16 de outubro e quedou calcinado. Ademais, o pai da falecida tivo aberto durante anos un bar en Ponte Sampaio ao pé da ponte, no baixo da casa onde vivía a muller co seu irmá.
Este sería o quinto caso de morte por violencia de xénero en Galicia no que vai de ano.
A Delegación do Goberno en Galicia manifesta a súa máis enérxica repulsa cara a todos aqueles que exercen calquera tipo de violencia, especialmente a que se exerce contra as mulleres. Tamén se quere reiterar a importancia de que se denuncie, tanto por parte da propia vítima como de calquera que teña coñecemento, e lembra que poden facelo persoalmente ante as forzas e corpos de seguridade ou a través de teléfono 016, que é gratuíto e garante a confidencialidade da chamada, xa que non queda rexistrado na factura telefónica.