Detectan unha alta porcentaxe de vivendas de uso turístico sen regularizar

Pontevedra
26 de novembro 2021

Aviturga detectou durante a última campaña de verán a presenza no mercado dunha porcentaxe destacada de aloxamentos que non están dados de alta no Rexistro da Xunta e decidiu poñer en marcha unha campaña de legalización. Na provincia de Pontevedra, poñerá o foco en Sanxenxo, O Grove e a comarca do Morrazo e nas vivendas situadas nos distintos roteiros xacobeos

Vistas de Sanxenxo
Vistas de Sanxenxo / Mónica Patxot

A Asociación de vivendas turísticas de Galicia (Aviturga) detectou durante a última campaña de verán a presenza no mercado de alugueiro de vivendas de uso turístico dunha porcentaxe destacada de aloxamentos que non están dados de alta no  Rexistro da Xunta e decidiu actuar para poñerlle fin a esta irregularidade.

Desta forma, en coordinación coa Axencia de Turismo de Galicia, puxo en marcha unha nova campaña de legalización.

Dentro desta campaña, na provincia de Pontevedra,  Aviturga poñerá o foco en Sanxenxo, O Grove e a comarca do Morrazo.

Ademais, a asociación detectou tamén unha necesidade de asesoramento neste sentido nas vivendas situadas nos distintos roteiros xacobeos xa que a reactivación do Camiño tras a pandemia animou a moitos propietarios para ofrecer as súas vivendas como alternativa de aloxamento.

O primeiro paso que dan é a renovación da páxina web creada o pasado ano para facilitar a tramitación do alta dunha  VUT, www.legaliciate.gal. A web é unha ferramenta que foi xa utilizada por moitos propietarios na primeira campaña de legalización desenvolvida pola asociación e que  Aviturga chama a utilizar a todos aqueles que este ano decidiron apostar por esta modalidade de alugueiro temporal para as súas vivendas e a todos aqueles que aínda non rexistraron os seus aloxamentos

A maiores,  Aviturga habilitou un servizo de atención telefónica permanente (633 771 551) para acompañar aos propietarios na tramitación do alta dunha vivenda.

Dulcinea Aguín, presidenta de  Aviturga, insiste en que Galicia é un destino de calidade, que "ofrece confianza aos visitantes" e o primeiro co que é necesario cumprir é coa normativa autonómica. Avisa, ademais, que en caso de incumprimentos, as sancións que impoñerá a Xunta serán cuantiosas, que superan os 600 euros fronte a un gasto de legalización que non chega aos 60 euros.

"Non vale a pena correr ningún risco", opina Aguín, que tamén lembra que o problema da regularización de vivendas non é común a toda Galicia, senón que se centra principalmente nos destinos que concentran o maior número de  VUTs e que, por tanto, lideran a oferta en cada provincia. En Pontevedra, Sanxenxo, O Grove e O Morrazo.