Detectan petróglifos danados pola acción da maquinaria de construción do parque eólico do monte Acibal

Pontevedra
31 de maio 2023

Amil Sen Eólicos alerta da presenza deste novo achádego, un panel completo de petróglifos que se sitúa na zona das obras do parque eólico. O colectivo denuncia a falta de acción por parte das autoridades responsables na preservación do patrimonio. Sinalan que as pasadas das pás e da maquinaria pesada causaron danos irreparables nestes elementos

Vista da zona onde se atoparon os pretróglifos
Vista da zona onde se atoparon os pretróglifos /

Novo achado de elementos patrimoniais no Monte Acibal. O colectivo Amil Sen Eólicos alerta da presenza do primeiro panel completo de petróglifos que detectan na zona das obras que se realizan para a instalación do parque eólico.

Segundo esta agrupación que mantén a súa loita en defensa do Monte Acibal, o panel atópase xusto á beira dun dos bens comunicados hai dous meses tanto á Consellería de Patrimonio como á de Industria e que agora está valado. Os novos elementos permanecen rodeados de pedras esnaquizadas, que xa foron utilizadas como recheo, segundo advirten.

Ademais, indican que estes petróglifos sufriron danos polas máquinas que utiliza a empresa Norvento durante a execución dos traballos, tanto pas como maquinaria pesada que, segundo Amil Sen Eólicos, causaron danos irreparables nestes elementos.

Manifestan tamén que o descubrimento deste panel completo a menos de cinco metros do petróglifo protexido mostra que a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais non realizou os estudos a fondo para protexer os novos elementos arqueolóxicos.

Amil Sen Eólicos denuncia a falta de acción por parte das autoridades responsables na preservación do patrimonio e xa informou formalmente ao Concello, á Consellería de Patrimonio e á de Industria sobre estes novos achados, que se incorporarán á denuncia que a plataforma presentou ante a Fiscalía.

Fronte esta nova situación, o colectivo esixe a paralización urxente das obras para evitar que continúen a destruír estes elementos patrimoniais.

Arquivado en