Detectan dezaseis positivos no cribado por PCR entre o marisqueo da ría de Pontevedra

Pontevedra
26 de xaneiro 2021

A esta iniciativa, posta en marcha para detectar asintomáticos ante a alta incidencia de casos no sector, asistiron finalmente 164 profesionais do marisqueo da confraría de Lourizán, 200 efectivos da confraría de San Telmo e 125 compoñentes da confraría de Raxó

Test PCR realizado durante o cribado de O Vao
Test PCR realizado durante o cribado de O Vao / Mónica Patxot

O cribado preventivo con PCR que as autoridades sanitarias realizaron a semana pasada entre os profesionais do sector do marisqueo da ría de Pontevedra detectou dezaseis positivos, segundo confirma o Servizo Galego de Saúde.

Dun censo de 580 persoas, coas que se contactara gradualmente e vía SMS telefónico personalizado, acudiron 489. É dicir, un 84,3% dos citados.

A todos eles tomóuselles unha mostra nasofarínxea que foi analizada no servizo de Microbioloxía de Montecelo.

As probas realizáronse na zona de extracción habilitada no Hospital Provincial.

Os resultados negativos foron comunicados aos usuarios por SMS, mentres que os positivos foron notificados de xeito individual a cada traballador para iniciar os respectivos protocolos de seguimento e illamento.