Detectan unha condutora usando a tarxeta dunha persoa falecida en 2022 para aparcar en prazas de mobilidade reducida

Pontevedra
10 de novembro 2024
Actualizado: 10:52

Trátase dun dos catro casos denunciados durante os últimos 21 días pola Policía Local de Pontevedra de persoas que empregaban prazas de estacionamento reservadas para persoas con mobilidade reducida

Praza de estacionamento reservada para persoas con mobilidade reducida
Praza de estacionamento reservada para persoas con mobilidade reducida

Nas últimas tres semanas, a Policía Local de Pontevedra identificou catro casos de uso fraudulento de tarxetas que autorizan o uso das prazas de estacionamento reservadas para persoas con mobilidade reducida.

Estes incidentes foron protagonizados por condutores de fóra de Pontevedra.

O último caso foi rexistrado o 4 de novembro na rúa Xerardo Álvarez Limeses, onde un condutor estaba a utilizar unha tarxeta de estacionamento que pertencía a un familiar ingresado no Hospital Provincial.

A Policía Local acudía ao lugar tras recibir queixas veciñais sobre a utilización da praza e interveu a tarxeta expedida polo Concello de Poio, ademais de denunciar o condutor por uso fraudulento.

Outro incidente ocorreu o 1 de novembro na rúa Irmáns Sobrino Buhigas. Dous mozos foron descubertos estacionando nunha praza de mobilidade reducida mentres esperaban a que se lles pasase o efecto do alcohol.

Utilizaban a tarxeta da avoa do condutor, quen confirmou que ela estaba en Sanxenxo nese momento. A tarxeta, expedida polo Concello de Sanxenxo, foi incautada e o condutor denunciado.

O 23 de outubro, na mesma rúa Xerardo Álvarez Limeses, un vehículo foi localizado cunha tarxeta caducada desde setembro de 2024, polo que o coche foi retirado do lugar polo guindastre.

A condutora admitiu que esquecera renovara tarxeta cando foi recoller o vehículo ao parque do guindastre municipal. Tamén neste caso, a tarxeta fora expedida polo Concello de Poio.

Finalmente, o 17 de outubro, na avenida do Uruguai, a Policía detectou que unha condutora utilizaba unha tarxeta de estacionamento a nome dunha persoa falecida en 2022.

A tarxeta, expedida polo Concello de Sanxenxo, foi incautada e a condutora denunciada.

A Policía Local de Pontevedra ten previsto continuar realizando controis periódicos para asegurar que estas prazas sexan utilizadas exclusivamente por persoas autorizadas, tramitando as denuncias administrativas pertinentes e incautando as tarxetas fraudulentas.

Desde o Concello de Pontevedra destacan a importancia de realizar estes controis para garantir o uso legal destas prazas.