Detectan chegada de pellets ás praias de Silgar, Canelas e Areas

Sanxenxo
09 de xaneiro 2024
Actualizado: 17:14

O servizo municipal de Emerxencias e a Policía Local detectáronos "en pequenas cantidades" nunha inspección este martes. Activaron un dispositivo de limpeza con persoal municipal para iniciar a súa retirada xa na tarde deste martes 

A xefa da Policía e o concelleiro de Seguridade Cidadá durante unha inspección en Silgar
A xefa da Policía e o concelleiro de Seguridade Cidadá durante unha inspección en Silgar / Concello de Sanxenxo

A marea plástica de pellets segue expandíndose pola costa galega e este martes confirmouse a chegada destes microplásticos ás praias de Sanxenxo. 

Segundo a información facilitada polo Concello, detectouse chegada de pellets en Silgar, Canelas e Areas, aínda que "nestes momentos, en pequenas cantidades".

O servizo municipal de Emerxencias e a Policía Local realizan desde hai días controles por toda a costa e na última inspección de praias realizada na mañá deste martes detectáronse. 

A xefa da Policía Local e o concelleiro de Seguridade Cidadá desprazáronse ata a praia de Silgar para facer directamente unha desas inspeccións.

 

As concellerías de Seguridade Cidadá e Servizos activaron un dispositivo de limpeza con persoal municipal para iniciar a súa retirada xa na tarde deste martes.

Así, a primeira hora da tarde varios profesionais municipais acudiron ata a praia de Silgar, no casco urbano, para comezar con esta limpeza. Preparados con escobas e redes a modo de coadoiros, empezaron a retirar as bólas.  

Coas tarefas de limpeza, segundo adiantou o Concello, tamén se aproveitará para retirar a gran cantidade de restos de plásticos que chegan ás beiras das praias

Arquivado en