Detectan un "aumento significativo" de consumo de cannabis en menores

Pontevedra
14 de outubro 2024
Actualizado: 10:14

A unidade asistencial de drogodependencias (UAD) de Pontevedra reflicte na súa memoria que "existe a percepción" de que aumentaron o consumo de cannabis entre menores e o alcoholismo entre adultos

Planta de marihuana
Planta de marihuana / Mónica Patxot

A unidade asistencial de drogodependencias (UAD) de Pontevedra, que atende a demanda de tratamentos de pacientes con adiccións na capital e doce municipios da súa área de influencia, detectou un "aumento significativo" de consumo de cannabis entre menores.

Así figura na última memoria anual presentada polo Servizo de Drogodependencias pontevedrés, relativa a 2022, á que tivo acceso PontevedraViva.

A memoria recolle que nese período houbo preto de 350 demandas de información de pacientes e/ou familiares, que acudiron en persoa ás instalacións, pero un cambio no sistema informático impide ter estatísticas actualizadas dos novos usuarios que recibiron tratamento.

En 2020, último ano con esas cifras, empezaron a tratar a 277 persoas, 153 por primeira vez e 124 que reiniciaban a atención. Dese ano, o estudo aclara que a pandemia da covid-19 fixo descender os inicios totais preto dun 29%. O servizo mantívose aberto durante o confinamento, con quendas de persoal nos momentos máis críticos da crise sanitaria.

Esa falta de datos actualizados impide valorar o volume asistencial de 2022, pero os responsables quixeron reflectir na memoria que "existe a percepción" de que aumentaron ese consumo de cannabis entre menores e o alcoholismo entre adultos.

Unha nai pontevedresa que relatou a PontevedraViva a súa experiencia co seu fillo adolescente adicto cuestionou que a UAD está a "desmantelarse" e que, cando acudiu con el, non lle prestaron atención. A memoria si recolle esa referencia, pero ningún dato máis sobre usuarios menores por tratarse de información sensible dun colectivo vulnerable.

Fontes municipais confirmaron a este xornal que o Concello ten un convenio coa Xunta, o Servizo Galego de Saúde e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) para a realización de programas de atención e protección da saúde polo que, para 2022, recibiu unha subvención de 397.294,65 euros.

Os gastos efectivamente pagos polo Concello para os programas de asistencia a persoas con trastornos adictivos desde 1 de xaneiro de 2022 até o 31 de decembro de 2022, ascenden a 495.580,97 euros (non incluídos gastos de limpeza, auga, subministración de enerxía eléctrica, subministración de carburantes e mantemento xeral do inmoble), dos que un total de 464.814,66 euros corresponden a gastos de persoal.

Sobre a xestión da UAD, xa en 2023 o Concello insistiu na necesaria transferencia á Xunta de Galicia, pois consideran que non ten sentido que un centro clínico e sanitario dependa da administración municipal e pediu convocar unha comisión de seguimento coa FEGAMP para seguir traballando na súa transferencia.

A unidade ten o seguinte persoal: médico-director, psicóloga, psicólogo, diplomado en Enfermaría (ATS), diplomada en Traballo Social e dous auxiliares de Clínica. Son traballadores con perfil sanitario, de modo que o Concello argumenta que sería máis axeitado xestionalo desde o Sergas. De momento, non hai novidades sobre esa posible transferencia e segue funcionando, aínda que se recibiron críticas nos últimos tempos sobre a forma na que operan.

Naceu no ano 1991 como unha resposta á demanda e alerta social que se vivía entón e presta asistencia a pacientes de Barro, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Forcarei, A Lama, Marín, Moraña, Poio, Ponte Caldelas, Soutomaior e Vilaboa, cunha poboación xeral estimada de 165.000 habitantes.