Detectan 53 casos de cancro de mama en mulleres atendidas polo programa de detección precoz

Pontevedra
18 de outubro 2019

A prevención está a revelarse como unha ferramenta imprescindible para combater o cancro de mama. Así o demostran os datos do programa de detección precoz en Pontevedra. Nos primeiros seis meses do ano, 53 mulleres descubriron que padecían esta enfermidade tras facer unha exploración rutineira

Mamografía
Mamografía / PontevedraViva

A prevención está a revelarse como unha ferramenta imprescindible para combater o cancro de mama. Así o demostran os datos do programa de detección precoz en Pontevedra. Nos primeiros seis meses do ano, 53 mulleres descubriron que padecían esta enfermidade tras facer unha exploración rutineira.

En total, entre xaneiro e xuño os especialistas encargados deste programa exploraron a 30.478 mulleres de 50 a 69 anos, un 80,48% da poboación diana. Desta cifra, 1.031 mulleres foron posteriormente remitidas a unha unidade de diagnóstico e tratamento para completar probas, que confirmaron o cancro de mama nesas 53 pacientes.

No que atinxe ao Concello de Pontevedra, este programa explorou nese mesmo período a 2.550 mulleres, das que 79 foron derivadas á unidade de diagnóstico. Froito desa iniciativa preventiva detectáronse once patoloxías malignas.

O programa galego de detección precoz do cancro de mama modernizou gradualmente a súa estrutura asistencial, de cara a mellorar as taxas de participación das mulleres no programa. 

Así, creáronse unidades fixas en hospitais comarcais da xeografía galega, o que permitiu avanzar no proceso de integración do programa no sistema asistencial, unha mellora da oferta dos hospitais comarcais cun novo servizo á súa poboación, a racionalización na utilización de recursos e a mellora na calidade asistencial percibida polas mulleres.

A infraestrutura asistencial do programa na provincia de Pontevedra conta con unidades de exploración no centro de saúde de A Parda en Pontevedra, no Hospital do Salnés en Vilagarcía de Arousa e na Casa do Mar en Vigo, onde se realizan as probas mamográficas.

Tamén contan coas unidades de avaliación radiolóxica, que centralizan a lectura das mamografías e, por último, as unidades de diagnóstico e tratamento, que están integradas polas consultas de cirurxía ou xinecoloxía dos hospitais públicos da rede do Sergas.

A lectura das mamografías está centralizada nas unidades de avaliación radiolóxica, formadas por especialistas que pertencen aos servizos de Radioloxía dos complexos hospitalarios universitarios de Pontevedra e A Coruña.

Os principais obxectivos do programa galego de detección precoz do cancro de mama buscan primordialmente a redución nun 25% da mortalidade por esta doenza nas mulleres.

A Consellería de Sanidade incide na relevancia dun diagnóstico precoz, xa que aumenta ata o 90% as posibilidades de curación, porcentaxe que supera o 95% cando o diagnóstico se realiza antes de que se faga invasivo.