Detectan 153 novos contaxios nunha área sanitaria que roza xa os 800 casos activos

Pontevedra
03 de decembro 2021

Ata 153 novos contaxios por covid-19 nun só día. É a cifra máis alta dos últimos meses. A sexta onda da pandemia segue crecendo na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, que roza xa os 800 casos activos. Hai, en concreto, 793 persoas infectadas

Punto de realización de probas PCR no Hospital Provincial
Punto de realización de probas PCR no Hospital Provincial / Mónica Patxot

Ata 153 novos contaxios por covid-19 nun só día. É a cifra máis alta dos últimos meses. A sexta onda da pandemia segue crecendo na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, que roza xa os 800 casos activos. Hai, en concreto, 793 persoas infectadas. Son 126 máis que onte.

Este aumento da incidencia está a ter o seu efecto no número de persoas hospitalizadas, pero con respecto á xornada de onte, os tres hospitais da área sanitaria presentan un paciente menos con coronavirus.

Montecelo ten 18 persoas ingresadas en planta de hospitalización, mentres que outras dúas están no Hospital do Salnés. Non hai enfermos covid no QuirónSalud Miguel Domínguez.

Os pacientes máis graves son os tres que están ingresados na UCI de Montecelo

O resto dos que contraeron o virus, outras 770 personas, atópanse illadas nos seus domicilios e baixo supervisión médica.

Desde o inicio da pandemia 21.474 pacientes da área sanitaria superaron a covid-19, 27 nas últimas 24 horas, e rexistráronse 207 falecementos asociados ao virus.

En canto á realización de probas PCR, fixéronse na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés un total de 320.137, 1.016 nas últimas horas. A elas súmanse as 162.345 probas de antíxenos e outras 111.928 probas de detección da covid-19.

INCIDENCIA EN GALICIA

O número de casos activos de coronavirus en Galicia, pola súa banda, é de 7.036, 541 máis que o día anterior. Deles 967 son da área da Coruña, 587 da de Lugo, 1.813 da de Ourense, 793 da de Pontevedra, 2.033 da de Vigo, 525 da de Santiago e 318 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 36 están en UCI, 161 en unidades de hospitalización e 6.839 no domicilio. Por agora, en Galicia hai un total de 182.562 persoas curadas, rexistrándose 2.676 falecementos.

Desde o inicio da pandemia realizáronse en Galicia 3.021.527 probas PCR, 8.462 nas últimas 24 horas, que permitiron detectar 815 novos infectados.