Detectados casos de gripe aviaria en gaivotas en Marín e O Grove

Marín
02 de outubro 2024

A Consellería do Medio Rural vén de comunicar ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación a detección de oito casos de gaivotas enfermas por gripe aviaria en Galicia, dúas delas nos municipios do Grove e Marín

Gaivota
Gaivota / Mónica Patxot

A Consellería do Medio Rural vén de comunicar ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, a través da Rede de Alerta Sanitaria Veterinaria, a detección de oito novos casos de gaivotas enfermas por gripe aviaria en Galicia.

Trátase, confirma a administración galega, de oito gaivotas patiamarelas atopadas enfermas e que constitúen cinco focos desta enfermidade: tres en Ordes (A Coruña), dúas en Moaña e unha en Vigo, O Grove e Marín.

O resultado das análises foi confirmado polo Laboratorio Central de Veterinaria de Algete (Madrid).

Todas as aves foron trasladadas ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Carballedo, en Cerdedo-Cotobade.

Trátase en todo caso de focos que se consideran como controlados e que afectan unicamente a aves silvestres, sen afectación doutras especies avícolas. É por iso que non conlevan restricións nin tampouco variación no status sanitario de Galicia en relación á influenza da gripe aviaria.

Na actualidade mantéñense unicamente en Galicia medidas de prevención sanitaria nos sete concellos da provincia de Pontevedra que pertencen á denominada Zona de Especial Risco (Cambados, O Grove, A Illa de Arousa, Meaño, Ribadumia, Sanxenxo e Vilanova de Arousa).