Detectados 167 contaxios por covid na última semana na área sanitaria

Pontevedra
27 de xuño 2021

O balance diario do Servizo Galego de Saúde sitúa este domingo 27 de xuño en 207 os casos activos de coronavirus na Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, con 31 máis que o sábado. Oito persoas permanecen ingresadas, con dúas delas evolucionando na Unidade de Coidados Intensivos

Urxencias do Hospital de Montecelo
Urxencias do Hospital de Montecelo / Mónica Patxot

A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés empeora este domingo 27 de xuño os seus datos de afectados pola covid sumando a súa cuarta xornada consecutiva cun importante número de novos positivos detectados.

Nesta ocasión, segundo a actualización oficial de datos ofrecida ás 10.00 horas polo Servizo Galego de Saúde, a área pontevedresa detectou nas últimas 24 horas 35 novos contaxios, o que unido a que só se produciron 4 altas epidemiolóxicas fixo crecer o número de casos activos ata os 207 (31 máis), superando a barreira dos dous centenares de afectados por primeira vez desde o pasado día 5.

A evolución é preocupante, empuxada polos positivos derivados dunha viaxe de fin de curso a Mallorca e que o sábado ascendían xa a 48 en Pontevedra, e é que en só unha semana, desde o domingo 20 de xuño, detectáronse en Pontevedra e O Salnés 167 contaxios por coronavirus chegando a subir en 89 o número de casos activos tutelados.

En canto á presión hospitalaria, este domingo hai unha persoa máis ingresada nos centros hospitalarios da comarca. Son en total 8 persoas, das que 6 evolucionan en planta repartidas entre o Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (4) e o Hospital do Salnés (2) e 2 máis se atopan na Unidade de Coidados Intensivos de Montecelo.

Desde o inicio da pandemia superaron a infección 14.189 pacientes da área sanitaria, rexistrando 181 falecementos de persoas con positivo activo por covid.

En canto á realización de probas, nas últimas 24 horas fixéronse 369 PCR, que se engaden ás 247.511 efectuadas con anterioridade.