As obras de mellora do firme na estrada PO-531 en Curro, no Concello de Barro, farán necesario o desvío do tráfico para partir do próximo luns 19 de setembro, segundo informa o goberno autonómico.
O desvío da circulación rodada realizarase do luns 19 ao xoves 22, entre as 08.30 e as 19.30 horas, derivándose o tráfico polo tramo antigo da PO-531.
Durante este período de tempo está previsto estender microaglomerado en frío entre os puntos quilométricos 8+300 e 11+000, incluídos os ramais de conexión coa autovía do Salnés (AG-41), co obxectivo de mellorar a capa de rodadura e aumentar a seguridade viaria na zona.
Esta actuación enmárcase nun contrato máis amplo que inclúe a rehabilitación do firme nas estradas PO-316, entre A Lanzada e O Grove; na PO-309, entre Poio sur (PO-308) e a AP-9; e na PO-300, entre Mosteiro e Cambados, cun investimento global da Xunta de 1,3 millóns de euros.