Destinan 30 millóns á fase inicial de equipamento do Novo Montecelo

Pontevedra
30 de setembro 2024

O Consello da Xunta vén de aprobar a primeira fase do plan de investimentos do Hospital Novo Montecelo de Pontevedra, unha actuación que posibilitará avanzar na instalación do equipamento do centro hospitalario co obxectivo de comezar a tratar os primeiros pacientes a finais de 2025, segundo explica o goberno autonómico

Obras de construción do nuevo Hospital de Montecelo
Obras de construción do nuevo Hospital de Montecelo / Mónica Patxot

O Consello da Xunta vén de aprobar a primeira fase do plan de investimentos do Hospital Novo Montecelo de Pontevedra, unha actuación que, segundo o goberno galego, posibilitará avanzar na instalación do equipamento do centro hospitalario co obxectivo de comezar a tratar os primeiros pacientes a finais de 2025.

Segundo explica a Xunta, esta fase inicial do plan de equipamento e dotación do novo hospital pontevedrés representará unha dos maiores investimentos previstos no proxecto de orzamentos do Servizo Galego de Saúde (Sergas) para o próximo ano, cun total de 30 millóns de euros.

A Xunta destaca que, con este investimento, o Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra será o primeiro de Galicia en contar coa totalidade dos seus quirófanos dixitais, posibilitando a integración plena cos sistemas operativos e a integración de datos nos sistemas do Sergas. Esta mellora supoñerá un investimento de 1.480.000 euros.

Ademais, outro dos equipamentos previstos é o da imaxe intraoperatoria, coa que se mellorará a obtención de imaxes na área cirúrxica ou en entornos minimamente invasivos (3.120.000 euros), e tamén en cirurxía implementarase unha central de estirilizanción para procesar o material (2.620.000 euros).

A partida máis importante que inclúe a fase inicial do plan de dotación son os 5.023.315 millóns de euros que se destinarán á adquisición de equipos de ecografía para o conxunto de servizos do novo hospital. Así mesmo, os novos servizos de Radioterapia e Medicina Nuclear contan cunha consignación de 1.580.000 euros.

Entre as partidas reservadas destaca tamén o investimento que se realizará para adquirir equipos de alta tecnoloxía (1.110.000 euros). En concreto, adquirirase equipamento para a realización de estudos xerais de cabeza e colon, de tórax, abdome e musculoesqueléticos, estudos neurolóxicos e cardiolóxicos, comprarase un tomógrafo computarizado para o servizo de Urxencias (659.000 euros) e investiranse 451.000 euros en dúas salas de radioloxía dixital sincronizada.

Pola súa banda, en farmacia hospitalaria destinaranse máis de 2,5 millóns de euros para a robotización e automatización do almacenamento mediante sistemas de carrusel horizontal e vertical, e adquirirase novo mobiliario e equipamento para os laboratorios de bioquímica, microbioloxía, hematoloxía e anatomía patolóxica (1.670.000 euros).

Entre partidas destacadas, o plan de equipamento reserva por exemplo diñeiro para a compra de camas de hospitalización xeral (1.285.000 euros), camas de pacientes críticos (615.000 euros) e cadeiras de brazos (350.000 euros), mentres que a área de cociña hospitalaria investiranse 3.800.000 euros para equipar e adecuar as novas instalacións.