Destacan o "comportamento exemplar" dos pontevedreses ao cumprir de forma masiva as restricións fronte á covid-19

Pontevedra
01 de febreiro 2021

Na última semana, as Forzas de Seguridade realizaron na provincia máis de 900 controis para vixiar o cumprimento das restricións aprobadas polas autoridades para intentar frear a expansión da covid-19. Neles, detectáronse 300 incumprimentos que motivaron proposta de sanción, o que implica que só nun de cada tres controis se detectan infraccións

Reunión do Centro de Coordinación Operativa (CECOR) presidida por Maica Larriba
Reunión do Centro de Coordinación Operativa (CECOR) presidida por Maica Larriba / Subdelegación do Goberno en Pontevedra

Na última semana, as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado realizaron na provincia de Pontevedra máis de 900 controis para vixiar o cumprimento das restricións aprobadas polas autoridades para intentar frear a expansión da covid-19. Neles, detectáronse 300 incumprimentos que motivaron proposta de sanción, o que implica que só nun de cada tres controis se detectan infraccións. 

Á vista destes datos, a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, destacou o alto grao de cumprimento das medidas e puxo en valor o "comportamento exemplar" da poboación de Pontevedra durante a primeira fin de semana de aplicación das novas medidas sanitarias aprobadas pola Xunta de Galicia

Larriba presidiu este luns unha nova reunión por videoconferencia do Centro de Coordinación (CECOR) provincial establecido para o seguimento dos dispositivos de seguridade vencellados á actual situación sanitaria e, ao remate da mesma, aproveitou para solicitar á cidadanía "continuar cumprindo" con todas as restricións e coas indicacións facilitadas polas Forzas e Corpos de Seguridade, xa que "o compromiso e a responsabilidade individuais son vitais na loita contra a covid-19".

Entre o 26 ao 31 de xaneiro, a Garda Civil e a Policía Nacional realizaron 907 dispositivos de control e vixilancia sanitaria, nos que participaron 1.526 axentes. Identificaron a 18.492 persoas, controlaron 13.962 vehículos e elevaron 300 propostas de sanción

As autoridades explicaron que estes operativos fixeron énfase no control dos peches perimetrais municipais, o peche da hostalaría e as limitacións para o comercio non esencial e destacaron a baixa afluencia de xente nos centros comerciais e o escaso tránsito nas estradas da provincia, sobre todo durante a fin de semana.

Desas sancións, 108 propuxéronas axentes da Garda Civil, que realizaron 720 controis co despregamento de 944 efectivos. En total, 15.215 persoas foron identificadas e 11.706 vehículos controlados. 

As outras 192 propostas de sanción realizárona os 582 axentes da Policía Nacional despregados para realizar 187 controis na provincia. Nestes dispositivos foron identificadas un total de 3.277 persoas e 2.256 vehículos. 

A maiores, a Policía Autonómica efectuou 49 controis nos que participaron 59 axentes. Este Corpo policial identificou a 195 persoas, controlou 59 vehículos e interpuxo 17 propostas de sanción. En total, 59 axentes deste corpo participaron nos dispositivos.

Na reunión participaron o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, Simón Venzal; o comisario xefe da Comisaría de Vigo-Redondela, Carlos Valcárcel; a comisaria provincial do Corpo Nacional de Policía en Pontevedra, Estíbaliz Palma; o inspector xefe da Policía Autonómica, Diego González; a inspectora xefa da UPA en Vigo, Sheila González; e o xefe territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, Ramón Pereiro.