O alumnado do colexio de Ponte Sampaio tivo este martes un papel destacado no certame Superlíderes organizado pola Consellería de Educación e do que se celebraba a final. Acudiron a Santiago os 14 escolares de terceiro curso de primaria, seis competiron na final e dúas rapazas acadaron un galardón na súa categoría.
As alumnas Aroa García e Andrea Fraguas recibiron dous premios individuais por rol (dos seis posibles): o superdirector e o supermotivador, respectivamente.
Enmarcado no Plan Eduemprende, Superlíderes propuxo seis competencias que os escolares tiveron que practicar e fortalecer na aula: a motivación, o enxeño, a comunicación, a persuasión, a negociación e a capacidade de traballar e dirixir equipos. As alumnas gañadoras destacaron na de motivación e dirección.
O certame, impulsado pola Consellería de Educación, tiña como obxectivo fomentar, motivar e sensibilizar ao alumnado no espírito emprendedor e citou en Santiago este martes a máis de 80 escolares de terceiro e cuarto de Primaria. De Ponte Sampaio só acudiron escolares de terceiro e os seis finalistas defenderon en quendas de 3 minutos unha solución ao retos propostos, intentando demostrar as habilidades de improvisación e resolución inmediata mediante as habilidades de liderado obxecto deste programa.
A dirección do centro destaca que foi unha gran experiencia para o alumnado, que leva traballando todo o curso nestas habilidades e tamén que todos se senten gañadores, xa que todos participaron dunha experiencia novidosa e rica en experiencias.
Ademais, o centro pon en valor a importancia do trabalo de todo o grupo durante todo o curso. A última frase da alumna premiada como 'superdirectora' resume o sentir de todo o alumnado e profesorado: "Non quería rematar sen darlle as grazas a todos os meus compañeiros e compañeiras, que achegaron as súas ideas e confían en min para esta tarefa e me apoian dende un principio, sen eles non sería posible que eu estivese hoxe aquí".
A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, presidiu a entrega dos premios do certame e agradeceu o esforzo do alumnado e profesorado.
Ademais do CEIP de Ponte Sampaio, tiveron premios na final o CEIP Flavia (Padrón), o CPR Plurilingüe Padre Feijoo Zorelle (Ourense), o CEIP Plurilingüe de Ventín (Ames) e o CPR Plurilingüe La Inmaculada (Santiago de Compostela).