Efectivos dos Bombeiros do Morrazo, Urxencias Médicas de Galicia e a Garda Civil desprazáronse na noite deste mércores ata Ponte Caldelas ante a alerta cidadá pola aparición dun home morto dentro do seu coche nun garaxe particular. As forzas de seguridade abriron unha investigación, pero en principio descártase que se trate dunha morte violenta.
Fontes da Garda Civil confirman que sobre as 21.00 horas do mércores desprazáronse ata o lugar, en Contixe, na parroquia de Tourón. O falecido, de 47 anos, estaba no interior do seu coche e a morte pode terse producido por inhalación de monóxido de carbono, pero sen a intervención de máis persoas.
O Centro de Atención de Emerxencias de Galicia indica que o fillo do falecido alertou ao 112 porque acababa de atopar o garaxe cheo de fume e sospeitaba que o seu pai podía estar falecido dentro do seu coche.
O 112 alertou a Urxencias Médicas, aos Bombeiros do Morrazo e á Garda Civil. Segundo o 112, os efectivos sanitarios non puideron intervir no lugar ata a chegada dos bombeiros, que se encargaron de ventilar o garaxe. Unha vez dentro, certificouse a morte do home.