Despregadura policial e sanitaria sen precedentes para a Semana Grande

Pontevedra
09 de agosto 2024

Este sábado 10 arrincan dez días de festa en Pontevedra en torno á Semana Grande da Peregrina. Dado que o número de visitantes vai en aumento, dende o Concello de Pontevedra informan que este ano o operativo especial de seguridade estará reforzado

Batalla de Flores 2017
Batalla de Flores 2017 / Cristina Saiz

Este sábado 10 arrincan dez días de festa en Pontevedra en torno á Semana Grande da Peregrina.

Dado que o número de visitantes vai en aumento, dende o Concello de Pontevedra informan que este ano o operativo especial de seguridade estará reforzado.

O edil de Festas, Demetrio Gómez Junquera, destaca este é un dos operativos máis complexos do calendario festivo da cidade. "Non só pola complexidade, senón que no mes e pico previo o Servizo de Festas está traballando a tope con todas as actividades que levamos facendo este verán e, polo tanto, suman este traballo a maiores", manifestaba Gómez Junquera.

Con respecto a anos anteriores, aumenta a presenza da Policía Local na rúa. De xeito que un total de 35 axentes velarán pola seguridade nestas festas, apoiados por 15 membros de Protección Civil.

Ademais deste despregamento diario, en citas puntuais, haberá operativos especiais, como é no caso da Batalla de Flores, que se celebrará este martes e contará con maior vixilancia, ou a presenza dun equipo de bombeiros durante as tiradas de fogos de artificio.

O concelleiro lembra que o dispositivo estará, así mesmo, coordinado coa Policía Nacional, no tocante á seguridade, e coa Cruz Vermella, no relativo á saúde.

Na Alameda estará habilitado un Punto de Atención Continuada todos os días dende as 17:00 horas ata as 3:00 da madrugada, que é o tempo no está aberto o recinto festivo. Ademais da caseta de atención, haberá unha ambulancia, ambas dotadas con persoal sanitario.

Este punto reforzarase durante os concertos, de 22:00 horas ata a unha da madrugada, cunha ambulancia situada na Praza de España detrás do escenario, que se complementa cun Punto de Atención Continuada para aquelas asistencias que se poidan realizar no lugar, reservando a ambulancia só para os traslados a centros sanitarios.

Tamén haberá reforzos con dúas ambulancias medicalizadas os días nos que se celebran as corridas de touros e durante as tiradas de fogos artificiais.