Desprazamentos a pé, en bici e en transporte público para promover a Semana da Mobilidade

Pontevedra
13 de setembro 2016

Do 16 ao 22 de setembro van celebrarse diferentes actos con revisión gratuíta de bicicletas, un curso de mecánica básica para estes vehículos ou sesións de Bike Coaching

Presentación dos actos da Semana da Mobilidade
Presentación dos actos da Semana da Mobilidade / Cristina Saiz

Pontevedra acollerá do 16 ao 22 de setembro unha serie de actos con motivo da celebración da Semana da Mobilidade, un acontecemento que ten como principal eixo a celebración do día sen coches o xoves 22.

Este martes, o concelleiro de Mobilidade, Luís Bará presentaba acompañado por representantes de diversos colectivos as actividades que se van a desenvolver durante sete días.

O xoves 15 emítese o documental La era de la estupidez, na Casa da Luz. O venres 16 e o sábado 17 levarán a cabo rutas nocturnas a pé polo centro histórico baseándose na gastronomía, a cargo de Cunca e Nécora Noitiña.

Ese venres realizaranse revisións gratuítas das bicicletas en Motobike e durante o sábado levará a cabo unha ruta de iniciación á bicicleta de montaña. Ese fin de semana, os menores de 18 anos tamén poderán viaxar gratis en Autocares Rías Baixas.

Os interesados en aprender o fundamental da mecánica para bicicletas poderán acudir a un curso no Centro Social Leste. E ao día seguinte levará a cabo un curso de Pedaladas para coñecer a normativa, seguridade e selección das rutas, que terá continuidade o mércores 21.

Xa durante o 22 celebrarase o día sen coches no que, a través do twitter: @MasaCriticaPont pedirase que participen persoas nun evento nas redes sociais enviando fotos indo á escola, a traballar ou de compras a pé, en bicicleta ou en transporte público. Os hashtags que se poden utilizar son #EuSonSustentabel #GreenCampus e #Pontevedretate.

Tamén se desenvolverá unha reunión de ciclistas na Peregrina ás 20.00 horas organizada pola asociación Masa Crítica. Desde este colectivo insisten en lembrar que en Pontevedra non é preciso utilizar vehículos de motor cando para desprazarse dun extremo a outro da cidade non se precisan máis de 15 minutos. Desde estes colectivos sinalan que a mobilidade intelixente xenera economías fortes e Quique Pérez, de Masa Crítica, apuntaba que existen estudos que demostran que en cidades como Nova York, as rúas con carril bici contan cun incremento dun 49% das vendas nos establecementos. Afirman que as persoas que se trasladan a pé consumen na cidade mentres que as que empregan o vehículo motorizado viaxan a outras urbes para levar a cabo as súas compras.