As obras de mellora da Rúa da Ponte empezarán despois de Semana Santa, segundo anunciou a alcaldesa, María Ramallo.
A alcaldesa achegouse este venres ata a Rúa da Ponte e indicou que o obxectivo da reforma é pavimentar toda a calzada, mellorar as beirarrúas e colocar novo mobiliario, seguindo a senda de renovación da humanización de Concepción Arenal.
O goberno local asegura que no proxecto atendéronse as demandas da veciñanza e do comercio local da zona, cos que mantivo unha reunión en marzo do 2024.
A obra será executada pola empresa Oresa, a mesma de Concepción Arenal, e está financiada pola Xunta de Galicia.
CESIÓN DE LOCAL PARA ACEMAS
Por outra banda, o Concello informou que, desde a pasada semana, a asociación de comerciantes Acemas conta para a súa actividade cun local dos que estaban dispoñibles na Praza de Abastos de Seixo, de tal forma que poidan ter unha sede en pleno centro da parroquia.
Desde a súa creación no ano 2011, a Asociación de Comerciantes e Empresarios de Marín Sur (ACEMAS) continúa apostando pola dinamización do comercio local a través de campañas, sorteos e eventos ao longo de todo o ano. Actualmente, a asociación conta con 32 comercios asociados que traballan en conxunto para impulsar o tecido comercial do municipio.
