A concelleira de Benestar Social e Mocidade do Concello de Poio, a socialista Rosa Fernández, supervisou este mércores a estrea do programa 'Cóidate Sempre', a través do cal o departamento municipal retoma as sesións de exercicio físico e ximnasia de mantemento para persoas maiores máis dun ano despois da súa suspensión, provocada pola pandemia da Covid-19.
Esta primeira xornada desenvolveuse nos exteriores da Casa Rosada e contou coa participación de dez persoas, se ben Fernández González cre que nas vindeiras sesións irase incorporando máis xente, xa que "foron varias as usuarias e usuarios que se puxeron en contacto para demandar información sobre a actividade".
Seguindo as indicacións da monitora Marta S. Rancaño, os participantes practicaron diferentes exercicios e estiramentos durante aproximadamente una hora.
A concelleira de Benestar Social lembra que este programa é gratuíto e se desenvolve cumprindo con todas as medidas de seguridade que marcan as autoridades sanitarias.
"Todas as sesións se van desenvolver ao aire libre e é obrigatorio o uso de máscara. Ademais, as persoas participantes teñen que gardar a pertinente distancia entre unhas e outras", lembrou Rosa Fernández.
En principio, está previsto que 'Cóidate Sempre' continúe este venres, 9 de abril, na Seca, a partir das 11.00 horas. Non obstante, a concelleira do PSOE puntualiza que "dependerá das condicións meteorolóxicas". En caso de chuvia, haberá que suspender a actividade e buscar outra data, xa que polo de agora se descarta levar a cabo esta iniciativa en espazos pechados.
Ademais de ofrecer pautas e exercicios para fomentar a vida saudable, o obxectivo deste programa é que as persoas maiores poidan volver a reencontrarse despois de tantos meses de confinamento nos seus domicilios. Nas últimas semanas tamén se procedeu a retomar o programa 'Saudemente' nos locais habituais e cumprindo tamén coas normas hixiénicas e de aforo pertinentes.