"Despois de once días de incerteza conseguín saber o resultado do test PCR"

Pontevedra
06 de maio 2020

Unha veciña de Pontevedra explica como pasou dúas semanas de reclusión absoluta desde que lle instaron a quedarse na casa como caso sospeitoso ata que conseguiu saber que deu negativo en coronavirus

Persoa confinada na súa casa
Persoa confinada na súa casa / Mónica Patxot

M.L. é unha muller que vive en Pontevedra. A súa profesión permítelle teletraballar, polo que declarado o estado de alarma as súas saídas á rúa limitábanse ao imprescindible. O confinamento si que agravou as súas doenzas habituais, cefaleas e dores musculares. Mediado o mes de abril, comprobaba que o tratamento farmacolóxico habitual non producía efecto

Comezou a notar picazón e manchas vermellas nos pés. Síntomas que se fixeron evidentes na man, acompañados dunha considerable hinchazón nun dedo. "Tiña visto e escoitado que aínda que podía ser máis frecuente en adolescentes e nenos, había adultos que podían manifestar síntomas de contaxio por COVID19 na pel", explica.

A inflamación aumentaba e optou por achegarse á farmacia. "Quizais foi imprudente pola miña banda. Nada máis velo dixéronme iso é un sabañón e pode ser síntoma de coronavirus, así que marcha para casa, non saias e chama ao número de información do Sergas".

Chamou ao servizo onde lle preguntaron polos síntomas, profesión, posibles contactos con persoas contaxiadas ... "era un caso sospeitoso de coronavirus, así que me dixeron que non saíse de casa, déronme as pautas para facer o test do chamado Covid auto para tres días despois e que solicitase consulta telefónica con Atención Primaria para informar do caso".

Ese xoves 23realizaba a proba no Recinto Feiral, onde lle indicaron que nun par de días, máximo tres, chamaríana para darlle o resultado. "Pasaron os dous días, pero como esa semana estaba a ser crítica e os test diarios que se facían elevados, seguín agardando".

Postos no luns 27, tras unha semana de confinamento absoluto, decidiu chamar de novo ao número de información do Sergas: "hai algúns atrasos, pero chamaranlle, se non é por esta vía, por Atención Primaria". Así que lle tocaba seguir esperando, cuns síntomas que remitían pero outros non.

O xoves 30 repetiu a chamada e neste caso a resposta foi que "están a priorizar as chamadas para os casos positivos, así que xa lle chamarán, escusáronme; pero tiña constancia por outras dúas persoas que fixeran o test un día e dous días antes, que lles chamaban no prazo para informar dos negativos". Tratou de conseguir unha resposta solicitando cita telefónica en Atención Primaria, pero non houbo chamada.

O sábado 2 de maio noutro intento máis por saber que pasara co test e o resultado, volvía pedir cita en Atención Primaria. Este pasado luns 4 de maio, tras quince días sen poder saír de casa para nada, recibía a chamada do médico de familia e conseguiu saber o resultado: negativo. "A proba xa foi realizada o día 23" foi a única explicación evidente que puido obter.

Caso inusual, desafortunadamente excepcional?, "Non o sei, igual dentro dun mes chaman para comunicarme o resultado. O que sei é que foron quince días de impotencia, de romper a cabeza e de reclusión absoluta sen motivo", lamenta.