A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés celebrou este venres no Hospital Montecelo o acto oficial de despedida dos 31 especialistas que finalizaron a súa formación nos hospitais e centros de saúde da área. Neste evento, que estivo presidido polo xerente José Ramón Gómez Fernández e polos presidentes da Comisión de Docencia, os doutores Ismael Arán González e Álvaro Rodríguez Pomares, fíxose entrega dos certificados de especialistas a todos os residentes do curso.
Deles, 11 son médicos de familia, 2 son matronas, 14 son especialistas hospitalarios e 4 son enfermeiros e enfermeiras de familia. Durante a súa intervención, a responsable da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés aconsellou aos profesionais que aproveiten ao máximo os recursos que a partir de agora póñense á súa disposición, “os técnicos e os materiais, pero sobre todo os humanos, xa que estes son a principal fonte de coñecemento”, indicou Gómez.
O dirixente lembrou tamén que “a achega organizativa que engadiu este colectivo na continxencia asistencial planificada durante os últimos meses para minimizar o impacto da COVID-19 nesta Área Sanitaria que serviu para manter as mellores cifras de incidencia de todas as Áreas sanitarias de Galicia e España”.
Por outra banda, o xerente felicitou aos xa especialistas convidándolles a continuar formándose e actualizando coñecementos para conseguir unha maior calidade na actividade asistencial, mantendo a prioridade do benestar da poboación á que se deben.
A Área Sanitaria conta con acreditación docente para formar matronas, enfermería de Familia, enfermería de Pediatría, enfermería de Saúde Mental, especialistas en Medicina Familiar e imparte docencia en 22 especialidades hospitalarias: Anestesioloxía e Reanimación, Cardioloxía, Cirurxía Xeral, Dermatoloxía, Dixestivo, Endocrinoloxía e Nutrición, Farmacia hospitalaria, Hematoloxía e Hemoterapia, Medicina interna, Microbioloxía e Parasitoloxía, Obstetricia e Xinecoloxía, Oftalmoloxía, Oncoloxía médica, Otorrinolaringoloxía, Pediatría, Psicoloxía clínica, Psiquiatría, Radiodiagnóstico, Rehabilitación, Reumatoloxía, Traumatoloxía e Uroloxía.