Despegan en Vilagarcía as festas de Santa Rita co concerto de Siloé e a "Noite de cine" da Banda de Música

O Salnés
17 de maio 2024

A Feira Celta abre as súas portas na Xunqueira na xornada na que o druída oficiará vodas polo rito celta, haberá dinamización musical e xogos tradicionais. Os pasarrúas dos grupos locais Froallo e As Cantareiras Bulideiras animarán as rúas do centro da cidade. Os amantes do deporte teñen unha cita co Tenis de Mesa en Fexdega

Concerto de Siloé
Concerto de Siloé / Siloé

Vilagarcía inaugura este sábado os cinco días de celebracións dedicados á Santa Rita.

A xornada festiva do sábado arranca coa apertura da xa tradicional Feira Celta na Xunqueira, co espectáculo da Banda de Música de Vilagarcía no Auditorio e co concerto do grupo Siloé. O ambiente romeiro en torno a Vista Alegre e os pasarrúas polo centro urbano dos grupos locais Froallo e As Cantadeiras Bulideiras completan a axenda do primeiro día das festas na honra da avogada dos imposibles. Ademais, os amantes do deporte teñen unha cita en Fexdega co Campionato de España de Tenis de Mesa de Veteranos.

A actividade na Feira Celta comezará ás 11 da mañá e continuará ata as 23.30 horas co único descanso do almorzo (entre as 15 e as 18 horas). Ao longo de toda a xornada, ademais de visitar os postos de venta de artesanía e produtos alimenticios, os visitantes poderán gozar das actividades de dinamización, a música do grupo Didyma Folk e os xogos tradicionais destinados ao público máis novo. Ademais, a partir das 21.30 horas, o druída oficiará o rito das vodas celtas a tódalas parellas que se teñan anotado para o evento, trámite que poden facer chamando ao teléfono 639775469.

A Banda de Música de Vilagarcía non podía faltar á cita de Santa Rita, e para a ocasión ofrecerá "Unha Noite de Cine", un espectáculo evocador inspirado nas películas que se exhibían nos cines Cervantes, Fantasio, Arosa e, máis recentemente, nos Minicines V. Nese contexto, a formación interpretará temas de films clásicos como Lo que el Viento se Llevó, Apolo XIII ou Ben Hur, todos eles ilustrados audiovisualmente con fragmentos das películas. O concerto comeza ás 20.00 horas e a entrada é libre e de balde.

E a axenda do primeiro día de festas péchase ás 23.00 horas co concerto gratuíto no Parque Xunqueira de Siloé, o grupo de música indy de maior proxección no actual panorama musical nacional. A banda presentará en Vilagarcía o seu último disco "Santa Trinidad", un álbum que inclúe temas como "Todos los besos", "Sangre en las venas" ou "Esa estrella".