Como todas as boas historias cinematográficas, o Entroido de Pontevedra tivo o seu final.
E o protagonista, como non podía ser doutra maneira, foi o seu entrañable Loro Ravachol, que se despediu como sempre, entre chamas.
Iso si, fíxoo unha semana máis tarde do habitual, xa que o seu enterro, que estaba programado para o sábado pasado, tivo que ser aprazado polo mal tempo.
Superado ese contratempo, centos de persoas quixeron acompañar á comitiva que deu o seu último adeus ao loro polas principais rúas do centro histórico pontevedrés.
A saída deste infausto cortexo fúnebre, chea de plañideiras e personalidades que non quixeron perderse o último adeus a Ravachol, produciuse como é habitual desde a Praza da Verdura e, tras percorrer varios enclaves, finalizou na Praza da Ferrería.

Foi cun desfile no que, ademais do séquito do loro, participaron as comparsas Las Flores del Carnaval, Os 100Tolos, Os Paparrulos , Os Solfamidas. Vamos a Todo e Os Alegres.
Xa na Ferrería e co loro preparado para sucumbir ante as lapas, ataviado coa súa vestimenta de director de cine -en referencia aos Premios Feroz-, o Entroido pontevedrés daba as súas últimas bocanadas de aire. Todo iso no medio dunha gran expectación.
Coas cinzas de Ravachol elevándose sobre o ceo estrelado que cubría a noite da Boa Vila, moitos comezaron a pensar xa na festa do próximo ano.
Non é para menos. O Entroido pontevedrés, no que un ano máis reinou a diversión, a retranca e o bo ambiente, sempre cumpre coas súas expectativas.



































































