Axentes da Garda Civil detiñan a dous cidadáns de nacionalidade albanesa como presuntos responsables dunha das maiores plantacións de marihuana que se localizaron en Galicia durante os últimos anos, segundo informan desde a Garda Civil.
Atopábase situada en terreos do monte comunal da parroquia de Pedre no municipio de Cerdedo-Cotobade. O Equipo de Investigación da Compañía da Garda Civil de Pontevedra encargouse desta intervención, en colaboración co Posto de Cerdedo.
Os axentes tiveron noticia das sospeitas que infundía estes dous cidadáns pola súa presenza supostamente inxustificada nos montes de Pedre. Grazas á colaboración cidadá, o operativo lograba atopar a plantación e cando chegou o Equipo de Investigación a inspeccionar a zona descubriu unha extensión de terreo que supera os 2.500 metros cadrados, repoboados con 3.437 plantas de cánnabis.
Nese mesmo momento, as dúas persoas eran soprendidas cando realizaban labores de vixilancia e cultivo. Os detidos son dous homes, de nacionalidade albanesa e sen domicilio fixo coñecido. Considéraselles presuntos autores dun delito contra a saúde pública, por tráfico de drogas.
As dúas persoas vivían de forma permanente en dúas tendas de campaña que se atopaban contiguas á plantación. Contaban con medios necesarios para subsistir durante unha longa tempada. Entre outros materiais, tiñan unha cociña con varios fornelos e abundante comida e bebida.
Ademais, nunha terceira tenda atopouse a documentación persoal doutro cidadán albanés que permanece en paradoiro descoñecido. Neste campamento, a Garda Civil comprobou a presenza taménde diverso material de obra para traballar no terreo como pas, picos e outros apeiros de labranza, abonos químicos e produtos de xardinería. Ademais localizábase unha balsa con auga da que procedían varias mangueiras para regar a toda a plantación.
O operativo finalizaba co corte e pesada das plantas. Agora serán postas ao dispor da autoridade xudicial competente. Os detidos, xunto ás dilixencias instruídas foron trasladados ao Xulgado de Instrución número tres de Pontevedra, que decretou o ingreso en prisión. Polo momento, as dilixencias permanecen abertas para localizar e deter á persoa que posiblemente, segundo a investigación, habitaba na terceira das tendas de campaña atopadas nesta zona do monte.